Profesionais do ámbito da disfaxia e a logopedia danse cita na xornada SmoothFood

Organizada por ASPACE- Galicia en colaboración con SmoothFood, Biozoon, Amencer ASPACE e a Unidade Galega de Diagnóstico e Tratamento de Disfaxia Orofarínxea

   Preto dun centenar de profesionais do ámbito da disfaxia e a logopedia, ademais de familiares de persoas con problemas de deglución déronse cita esta mañá no Salón de actos do Edifico Administrativo da Xunta en Pontevedra, onde tivo lugar a xornada ‘Deglución segura e eficaz: importancia das texturas na correcta atención nas persoas con disfaxia. Presentación do concepto SmoothFood’.

 A charla, organizada por ASPACE- Galicia en colaboración con SmoothFood, Biozoon, Amencer ASPACE e a Unidade Galega de Diagnóstico e Tratamento de Disfaxia Orofarínxea, xorde da necesidade de informar da importancia das texturas no manexo e tratamento da disfaxia e como conseguir unha deglución segura cunha correcta aplicación das mesmas.

 A xornada deu comezo coas intervencións de Estela Veloso, logopeda de Amencer- ASPACE e Berta Álvarez, directora de proxectos de Biozoon para dar paso á ponencia ‘Hoxe falamos de disfaxia orofarínxea’, a cargo da Dra. Gemma Garmendia, médico especialista en Otorrinolaringoloxía e Logopeda especialista en disfaxia orofarínxea.

 Tamén houbo espazo para as experiencias máis persoais nunha mesa redonda na que participaron Loluca Tascón, directora comercial de SmoothFood e Sara de Santiago Buey, Logopeda do Hospital Puerta de Hierro; ademais das intervencións virtuais de Patricia Murciego, logopeda da Unidade de Dano Cerebral do Hospital Benito Menni e Mª Jesús Rodríguez, Logopeda na Unidade de Disfaxia de Vigo.

 Tras un breve descanso, os asistentes puideron gozar da presentación dos produtos SmoothFood a cargo de Matthias Kück, Fundador e Director da empresa Biozoon.

 Estes produtos nacen coa vontade de atender ás necesidades das persoas con dificultades na deglución, ofrecendo unha alternativa que devolve o pracer pola comida estimulando a inxesta, facilitando e facendo segura a deglución e mellorando a calidade de vida dos pacientes. Ademais de proporcionar unha máis rápida recuperación  ao incrementar a motivación para volver inxerir alimentos e axudar a recuperar o reflexo de deglución.