Carmen e Hugo fanse co premio á mellor tosta de ASPACE- Galicia

A parella, de Amencer-ASPACE, fíxose coa vitoria grazas á Tosta E.N.M. elaborada con cogomelos, gambas, allo, ovo e manteiga, entre outros ingredientes

  ASPACE- Galicia xa ten tosta vencedora do concurso ‘En ASPACE Cociñamos Xuntos’, unha iniciativa que ten por obxectivo unir ao redor dos fogóns a persoas con parálise cerebral xunto ás súas familias (pais, irmáns…) e /ou traballadores coa meta de elaborar a mellor tosta con produtos típicos do outono, tales como champiñóns, cabaza e castañas.

 A final tivo lugar no Centro Residencial que APAMP ten en Navia (Vigo), ata onde se desprazaron usuarios/as de todas as entidades de ASPACE- Galicia para animar aos seus compañeiros e tentar que os seus representantes se levasen o premio á casa.

 Finalmente, a parella formada por Carmen e o seu fillo Hugo, pertencente a Amencer-ASPACE de Pontevedra, impúñanse coa Tosta E.N.M. aos seus compañeiros Laura,  Emilio e Rocío de APAMP- Vigo e a Yago e Jacinto de ASPACE- Coruña. Cogomelos, gambas, allo, ovo e manteiga, entre outros, foron os ingredientes empregados para elaborar a tosta vencedora.

    Como premio, Carmen e Hugo recibiron un lote de produtos por cortesía de Ribeiro Esencia Galega e ademais poderán gozar dunha cea nun dos restaurantes do Grupo Nove Cociñeiros. Non obstante, o resto dos participantes non se foron cas mans baleiras. e recibiron un agasallo conmemorativo agradecendo e recoñecendo a súa participación no concurso.

 Como non podía ser doutro xeito, esta gran final contou cun xurado de excepción composto por José Manuel García do programa da Radio Galega Come e Fala; Iñaki Bretal do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra) e membro de Grupo Nove Cociñeiros e Iván Méndez de Burbidas Taberna Gastronómica en Mondariz- Balneario.

Os membros do xurado destacaron a gran calidade das tostas elaboradas por todos os participantes e a importancia de iniciativas solidarias como esta, na que participan doando produtos as empresas Aceites Abril, Trastrigo Obradoiro, Hifas da Terra, Akane Frutería, Ribeiro Esencia Galega e Conservas La Pureza.

 

 

Desde Federación ASPACE- Galicia queremos agradecer enormemente a implicación e colaboración tantos das empresas colaboradoras como todos os membros que formaron parte do xurado das semifinais e final deste concurso. E non pode faltar o noso agradecemento e recoñecemento a todos os participantes sen os cales este concurso non sería posible.