APAMP- Vigo xa ten tosta gañadora no concurso ‘En ASPACE cociñamos xuntos’

‘Fillo da Terra’ de Laura Quintana, Emilio Estévez e Rocío Ben foi a tosta vencedora desta terceira semifinal

     APAMP- Vigo celebrou esta mañá, no Centro Social de Afundación, a terceira eliminatoria do concurso ‘En ASPACE Cociñamos Xuntos’, unha divertida iniciativa gastronómica organizada por ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).

 Un total de oito equipos, compostos por unha persoa con parálise cerebral acompañada de un familiar ou un profesional da entidade, enfrontáronse por conseguir unha praza na gran final e facerse con premio á mellor tosta ASPACE da nosa comunidade autónoma, elaborada con produtos típicos do outono como as castañas, cogomelos ou cabaza.

  Nesta ocasión foi a tosta elaborada por Laura Quintana, Emilio Estévez e Rocío Ben a vencedora. O seu nome: ‘Fillo da Terra’ e os seus ingredientes: cogumelos,, xamón, allo, cebola e viño branco, entre outros. Como nas anteriores semifinais de Pontevedra e Sada, Conservas La Pureza premiou ós vencedores cun lote de produtos.

  Esta semifinal contou cun xurado de excepción. Alberto G. Prelcic, cociñeiro membro do Grupo Nove e gañador dunha Estrella Michelín; Carmen Albo de ‘Guisándome la vida’ e Andrés Pereiro de O Bodegón de Vigo.

  A gran final do concurso ‘En ASPACE cociñamos xuntos’, terá lugar o vindeiro 10 de novembro en Vigo. Alí competirán por facerse co título á mellor tosta as parellas vencedoras destas tres semifinais. Por Amencer- ASPACE de Pontevedra, Mª Carmen e Hugo coa ‘Tosta ENM’; Yago Rodríguez e Jacinto Creo con ‘Galopín’ representarán a ASPACE- Coruña e finalmente ‘Fillo da Terra’, de Laura Quintana, Emilio Estévez e Rocío Ben, será a aposta de APAMP- Vigo.

 Colaboran nesta iniciativa doando produtos as empresas Aceites Abril, Hifas da Terra, Trastrigo Obrador, Akane Frutería, Conservas La Pureza e D.O. Ribeiro.