Máis de 180 persoas foron atendidas polo Servizo de Orientación Laboral de ASPACE- Galicia no que vai de ano

Este servizo, orientado ás persoas con discapacidade, conta co cofinanciamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia

Un total de 185 persoas desempregadas e con discapacidade das provincias de Pontevedra e A Coruña foron atendidas polo Servizo de Orientación Laboral de ASPACE- Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).

Este servizo conta coa cofinanciación da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e é totalmente gratuíto. O seu obxectivo é proporcionar a información sobre os  recursos existentes para conseguir un posto de traballo na maior brevidade posible, non só dando resposta ás demandas das persoas con parálise cerebral, senón que tamén atende ás necesidades que persoas con calquera tipo de discapacidade, que así o desexen.

Entre as accións levadas a cabo para mellorar a ocupación dos entrevistados inclúese a información aos usuarios/as sobre o mercado de traballo e as medidas e servizos ofrecidos polos servizos públicos de emprego; realizar unha diagnose individualizado ou perfil dos demandantes de emprego; deseñar, realizar e facer un seguimento dos itinerarios individuais e personalizados de emprego que inclúan accións para a mellora da empregabilidade; informar e xestionar ofertas de emprego axeitada para cada usuario e contactar con empresas para difundir información sobre iniciativas para facilitar a inserción laboral.

No tocante ao asesoramento individual, inclúese a elaboración de currículos, a redacción de cartas de presentación, a resposta a anuncios de traballo e a preparación de entrevistas. A través da realización de entrevistas persoais, os orientadores de ASPACE-Galicia informan e promoven a mellora da empregabilidade e identificación de diferentes opcións laborais, así como accións formativas e o fomento da busca activa de emprego.

Programa de Emprego e Formación

Por outra banda, a Federación ASPACE- Galicia tamén conta cun Programa de Emprego e Formación. Dentro deste programa e co obxectivo de informar, orientar e instruír de cara ás novas oposicións para o posto de Axudante de Xestión e Servizos Comúns (Ordenanza) convocadas desde o Ministerio e a Xunta de Galicia, ASPACE- Galicia retoma a formación específica mediante unhas clases de preparación.

A acción, que forma parte do Programa de Emprego e Formación de ASPACE- Galicia, desenvólvese en modalidade semipresencial. As clases presenciais teñen como obxectivo reforzar os conceptos que os mozos/as adquiren en casa, realizar simulacros de exames, ademais de resolver posibles dúbidas. As sesións teñen lugar en APAMP en Vigo (2º e 4º venres de cada mes), Amencer- ASPACE en Pontevedra (1º e 3º venres de cada mes) e ASPACE- Coruña en Sada (2º e 4º martes de mes) en horario de mañá, de 10.00 a 13.00 horas.

O servizo permanece aberto a todos os usuarios do Programa de Emprego e Formación da Federación, así como a todas aquelas persoas con parálise cerebral que estean interesadas en recibir esta formación, polo que o grupo pode aumentar.

Para máis información sobre esta acción formativa, os/as interesados/as poden poñerse en contacto co Servizo de Orientación e Emprego de ASPACE- Galicia no 986.879.967 ou a través do correo electrónico: orientacion@aspacegalicia.org.