ASPACE- Galicia e as súas entidades súmanse aos actos conmemorativos do Día Mundial da Parálise Cerebral

Pontevedra, Vilagarcía, Vigo e Coruña acolleron un flashmob e a lectura dun manifesto onde as persoas con parálise cerebral e as súas familias foron as protagonistas

   As persoas con parálise cerebral reclamaron hoxe, Día Mundial da Parálise Cerebral (primeiro mércores de outubro), o seu dereito para poder formar a súa propia familia e vivir independentes coas súas parellas, para o que requiren de apoios técnicos, humanos e económicos por parte das administracións públicas, debido a que a súa situación social de partida atópase moi en desvantaxe á de calquera cidadán sen discapacidade.

   Así mesmo, as persoas con parálise cerebral reclamaron a coordinación entre as áreas públicas de saúde, benestar social e educación, pois as familias viven unha ‘auténtica descoordinación’ durante os primeiros anos de vida da persoa con parálise cerebral. E unha vez que a parálise cerebral é diagnosticada, o colectivo solicita a gratuidade das axudas técnicas e os tratamentos prescritos.

    O manifesto -subscrito polos 230 centros especializados de atención á parálise cerebral que conforman o colectivo ASPACE- foi lido publicamente por persoas con esta discapacidade de forma simultánea nas principais cidades de España como parte das actividades que están a ter lugar en todo o país organizadas polo movemento ASPACE con motivo do Día Mundial da Parálise Cerebral.

   Entre estas actividades cabe destacar a organización dun flashmob simultáneo a nivel nacional, participativo e inclusivo.

   Federación ASPACE- Galicia e as súas entidades tamén se uniron á celebración deste día coa posta en escena do flashmob coa canción de Álvaro Adoitar, ‘Baixo o mesmo sol’; e a lectura dun manifesto.

   En Pontevedra,  Amencer- ASPACE concentrouse na Praza da Ferrería. Á xornada asistiu Carmen Fouces, concelleira de Benestar do Concello de Pontevedra e Digna Rivas, Deputada de Cohesión Social e Mocidade. Pola súa banda, o Centro de Atención Integral Princesa Letizia de Villgarcía reuníronse na Praza de Galicia da cidade, ata onde se desprazou o Alcalde, Alberto Varela Paz.  

 

   

   Os nosos compañeiros de APAMP- Vigo reuníronse diante do MARCO (Museo de Arte Contemporánea), onde endulzaron aos asistentes con biscoitos elaborados por eles mesmos. Ao acto asistiu Isaura Abelairas, concelleira de Política Social de Vigo.

 

    

   ASPACE- Coruña levou a cabo as súas actuacións no Obelisco dos Cantóns. Estiveron presentes Eulogio López, presidente de ASPACE- Galicia, e Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade; ademais de representantes de distintas entidades sociais. Desde ASPACE- Coruña queren agradecer a ACLAD (Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga), á Escola de Baile Roberto Ríos de Sada e á súa profesora Carmen, a súa colaboración nos ensaios para o flashmob.

 

 

 

Iluminación de monumentos

   ASPACE- Galicia tamén se une á iniciativa de Confederación ASPACE coa iluminación de diversos edificios emblemáticos das principais cidades galegas.

   A Casa Consistorial de Pontevedra, as Fontes da rúa Aragón en Vigo, a Torre de Hércules en Coruña e As Burgas en Ourense iluminaranse de azul e laranxa (cores ASPACE) esta noite, en conmemoración do Día Mundial da Parálise Cerebral. En Lugo será o edifico da Deputación, entre outros, o que se ilumine para conmemorar este día. Neste caso, a iluminación xa comezou a noite de onte debido á coincidencia do Día Mundial da Parálise Cerebral coa Festividade do San Froilán.