Oito usuarios/as de ASPACE- Galicia aproban a fase de oposición do proceso selectivo convocado polo Ministerio de Facenda e Administración Pública

O proceso selectivo, dirixido a persoas con discapacidade intelectual, está destinado a cubrir un total de 70 prazas de persoal laboral fixo, na modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns- Ordenanza

   8 usuarios/as de Federación ASPACE- Galicia superaron con éxito a fase de oposición do proceso selectivo convocado polo Ministerio de Facenda e Administración Pública e que está destinado a cubrir un total de 70 prazas de persoal laboral fixo, na modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns- Ordenanza, dirixido a persoas con discapacidade intelectual.

   A esta primeira proba, que tivo lugar o pasado 11 de xuño na facultade de Ciencias da Información da Complutense de Madrid, presentáronse un total de 10 usuarios/as. Os candidatos deberon superar un cuestionario composto por 25 preguntas, con tres respostas alternativas, sendo só una delas a correcta.

   Non obstante e a pesares dos bos resultados, cunha nota máxima de 92 puntos sobre 100, será a fase de concurso a que determinará a adxudicación das prazas.

   Máis información sobre este proceso selectivo en: http://goo.gl/ii2TNp

 

 Formación e apoio

   Desde ASPACE- Galicia apóstase pola formación dos nosos/as usuarios/as por iso, desde o pasado mes de xaneiro, dous técnicos da Federación ofreceron apoio e formación específica para estas oposicións. 

   Esta actuación levouse a cabo de maneira semipresencial. As clases presenciais tiveron como obxectivo reforzar os conceptos que os mozos/as adquiren na casa, realizar simulacros de exames, ademais de resolver posibles dúbidas. As sesións tiveron lugar en APAMP en Vigo, Amencer- ASPACE en Pontevedra e ASPACE- Coruña.

   Ademais da formación específica, os nosos técnicos tamén ofreceron orientación en todo o relacionado co proceso: desde a tramitación da solicitude ata a presentación de documentación ou a presentación de reclamacións ás listas.

   Este é o primeiro ano no que Federación ASPACE- Galicia ofrece este tipo de formación específica en resposta á demanda detectada o pasado ano no que un total de 7 persoas integradas no Programa de Emprego requiriron e recibiron orientación e formación para presentarse á realización destas probas.