Preto de 700 persoas marchan na Coruña para sensibilizar sobre a parálise cerebral

A cidade herculina o domingo, 5 de xuño, a II Marcha sobre Rodas, organizada por Federación ASPACE Galicia, en colaboración con ASPACE Coruña e o Concello da Coruña

   Sobre patíns, bicicletas, patinetes, cadeiras de rodas, cadeiras de bebés ou camiñando… preto de 700 persoas de toda Galicia reuníronse na Coruña para sumarse á II Marcha sobre Rodas ASPACE, organizada por Federación ASPACE Galicia, en colaboración con ASPACE Coruña e o Concello da cidade.

   Rocío Fraga, concelleira de Igualdade e Diversidade, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída a esta iniciativa solidaria que tivo como punto de partida a explanada da Torre de Hércules. Un grupo formado por 40 motoristas foi o encargado de abrir esta Marcha, seguidos por usuarios das entidades de ASPACE Galicia, membros de grupos deportivos como os Galicia Rollers, Alquimia In Line ou o club de patinaxe artística Brincadeira, membros de diversas entidades como GRUMICO, ADCOR, ademais do resto de participantes que quixeron apoiar coa súa presenza este iniciativa reivindicativa e integradora.

 

   O percorrido, que transcorreu polo paseo marítimo, serviu para dar visibilidade ás capacidades do colectivo das persoas con parálise cerebral así como reivindicar a accesibilidade no ámbito urbano. A Marcha tivo o seu final na explanada do Estadio de Riazor, onde usuarios de ASPACE Coruña leron un pequeno manifesto no que se apostou por cidades máis humanizadas onde TODOS  teñan cabida; ademais de reivindicar a necesidade de apoiar e axudar a este colectivo en diferentes ámbitos como son o emprego e a vivenda.

   As intervencións de Eulogio López, presidente de ASPACE Galicia, Álvaro Illobre, campión nacional e deportista paralímpico na modalidade de tenis en cadeira de rodas e Anxo Queiruga, presidente do CERMI Galicia, deron paso a un sorteo de agasallos co que se puxo punto final a esta xornada na que o colectivo con parálise cerebral foi o auténtico protagonista.

   A Marcha contou tamén coa presenza de Cecilia  Vázquez, directora xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia,  representantes da Fundación Barrié, Fundación AXA e de distintos grupos da corporación municipal.

   Desde Federación ASPACE Galicia e as nosas entidades queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible que esta Marcha leve a cabo un ano máis; en especial ao Concello da Coruña, entidades colaboradoras da proba: Deputación da Coruña, Gadis, Decathlon, Carrefour e a Asociación de voluntarios de ‘La Caixa’ Galicia, voluntarios e motoristas.