A Coruña será o escenario da II Marcha sobre Rodas ASPACE

A marcha celebrarase o próximo día 5 de xuño a partir das 11:00 horas e transcorrerá polo paseo marítimo da cidade

   Bicicletas, triciclos, patíns, cadeiras de bebé, cadeiras de rodas en definitiva, calquera vehículo a rodas sen motor. Este é o único requisito para participar na II Marcha sobre Rodas, organizada por Federación ASPACE- Galicia en colaboración ASPACE Coruña e o Concello de A Coruña. Así foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo Presidente de ASPACE Galicia, Eulogio López e a concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, Rocío Fraga.

   A actividade, que se celebrará o vindeiro domingo 5 de xuño ás 11.00 horas, consistirá nun paseo polo paseo marítimo da cidade herculina. A marcha, que terá unha duración aproximada dunha hora, partirá da Torre de Hércules e concluirá na explanada do Estadio de Riazor, onde se celebrará un fin de festa no que terá lugar un sorteo de agasallos e a lectura dun manifesto no que usuari@s da entidades de ASPACE Galicia reivindicarán os seus dereitos como cidadáns e onde a igualdade de oportunidades e a accesibilidade serán os verdadeiros protagonistas.

    A esta Marcha sobre Rodas acudirán tamén membros de distintos grupos deportivos e entidades como o Club Ciclista Riazor, Nosportlimit, o Club Galicia Rollers ou GRUMICO entre outros. Tamén contará coa presenza dos deportistas paralímpicos Martín Varela e Álvaro Illobre.

   Segundo destacaron Eulogio López e Rocío Fraga na presentación desta mañá, trátase dunha oportunidade para que a xente visualice a realidade das persoas con parálise cerebral ou con calquera outra discapacidade. “Esta marcha é unha boa oportunidade para darlle visibilidade ao colectivo de persoas con parálise cerebral”, afirmou o presidente de ASPACE Galicia, ademais de reivindicar a necesidade de seguir avanzando e mellorando a accesibilidade dentro do ámbito urbano; desexo ao que se uniu Rocío Fraga, recalcando a importancia de conseguir unha “accesibilidade universal”.

   Os/as interesados/as poderán inscribirse gratuitamente na páxina web aspacegalicia.org, en aspacecoruna.org, así como nas redes sociais de ASPACE Galicia.

   A iniciativa conta coa colaboración da Deputación de A Coruña, Gadis, Decathlon, Carrefour e a Asociación de voluntarios de ‘la Caixa’ Galicia.