Pontevedra acolle o primeiro Encontro Autonómico de Autoxestores

Amencer Aspace é a encargada de organizar esta iniciativa que busca fomentar e facilitar a participación activa de mozas  con parálise cerebral ou patoloxías afíns nas decisións que afectan as súas vidas

 O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra acolleu o primeiro Encontro Autonómico de Autoxestores de Galicia, que reuniu a 26 mozos con parálise cerebral que participan de maneira periódica nestes grupos. En total foron 38 os asistentes a este acto.

   Os mozos do Grupo de Autoxestores de Amencer- ASPACE esforzáronse durante estes últimos meses en organizar este acto en Pontevedra, xa que quixeron exercer de anfitrións neste ano 2016, ano do 25 aniversario da Entidade Pontevedresa.

 Nesta reunión abordáronse cuestións relacionadas con ‘Sexualidade e Discapacidade’, analizando e estudando a temática desde diferentes prismas e aspectos. O encontro contou con testemuños de familias, usuarios e traballadores; ademais de contar coa presenza da sexóloga Emma Placer, que guiou parte do encontro co seu relatorio ‘Afectividade para todos’. 

   O encontro conta coa colaboración da Deputación Provincial, a través da cesión do lugar de celebración; e de Pepe Vieira a través da degustación dunha comida para todos os participantes no Restaurante a Ultramar.

                                                                                                     

Rede Autonómica de Autoxestores

   A Rede Autonómica de Autoxestores nace en 2014 co obxectivo de crear un espazo común onde persoas con parálise cerebral de toda Galicia debatan sobre as cuestións que lles afectan promovendo a súa autoxestión, autodefensa e autodirección, converténdose nas súas propios portavoces e protagonistas da súa vida. Trátase, en definitiva, de fomentar e facilitar a súa participación activa nas decisións que afectan as súas vidas, como principio fundamental da autodeterminación; á vez que se busca a coordinación co resto de grupos de autoxestores de Galicia.

 

O grupo está formado por persoas con parálise cerebral e profesionais das asociacións ASPACE Coruña (Sada), Amencer- ASPACE (Pontevedra) e APAMP (Vigo) que participan en grupos de autoxestión en cada un dos centros e que se reúnen de forma periódica para abordar distintos indicadores de calidade de vida como poden ser: servizos que reciben nas entidades ASPACE, propostas de mellora, desenvolvemento persoal, inclusión social, vivenda, afectividade e sexualidade, saúde e envellecemento, lecer, familia e dereitos e obrigacións.