ASPACE-Galicia premio Valor Solidario da Universidade de Vigo

Eulogio López, presidente da Federación Galega de Parálise Cerebral, recollerá o galardón outorgado pola organización da I Marcha sobre Rodas ASPACE que tivo lugar en Pontevedra a primeira fin de semana de xullo. O acto de entrega terá lugar na XXIII Gala do Deporte Universitario que se celebra no Centro Social A Fundación de Pontevedra.

A utilización do deporte como vehículo de integración social foi o motivo polo que a Universidade de Vigo decidiu outorgar a ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) o premio “Valor Solidario”, nesta XXIII Gala do Deporte Universiario que hoxe se celebra no Centro Social AFundación de Pontevedra.
O proxecto premiado é a I Marcha sobre Rodas ASPACE que acolle a cidade de Pontevedra o pasado 06 de xullo, dentro do programa de actividades de visibilización do colectivo desenvolvido co gallo da conmemoración do Ano Galego da Parálise Cerebral 2014.
Unha noite de recoñecemento público ao esforzo, á traxectoria e á implicación de diferentes persoas e entidades coa práctica do deporte e a difusión dos seus valores, no que se recoñecerá tamén ao preparador físico e docente pontevedrés Antonio Puga pola súa longa implicación co deporte e que se completará coa entrega de distincións aos deportistas e ás deportistas máis destacados da institución académica.
O acto dará comezo ás 20.00 horas e rendirá homenaxe á figura do médico e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Juan José Crepo, falecido o pasado 31 de marzo.