Pontevedra marcha sobre rodas para apoiar as persoas con parálise cerebral (2)

Mais de trescentas persoas chegadas dende distintos puntos de Galicia percorreron o centro histórico de Pontevedra para apoiar así a primeira marcha sobre rodas organizada dende ASPACE-Galicia en colaboración co concello de Pontevedra.

Sobre patíns, bicicletas, patinetes, cadeiras de rodas, cadeiras de bebés ou camiñando, pero todos cun mesmo obxetivo: apoiar e dar visibilidade as capacidades do colectivo de persoas con parálise cerebral así como tamén reivindicar a accesibilidade no ámbito urbano. Con este propósito, máis de trescentas persoas procedentes de toda Galicia, quixeron participar o pasado 6 de xullo na I Marcha sobre Rodas organizada dende ASPACE-Galicia en colaboración co concello de Pontevedra.

 

Primeira marcha sobre rodas ASPACE

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, era o encargado de dar o pistoletazo de saída a esta iniciativa solidaria que tiña como punto de partida a Avenida de Montero Ríos e que se enmarca dentro das actividades realizadas con motivo do Ano Galego da Parálise Cerebral.
Victor Riobó, campión de atletismo, e Maika, usuaria de AMENCER-ASPACE, eran os encargados de guiar esta marcha sobre rodas, sendo seguidos por usuarios de todos os centros ASPACE-Galicia, representantes do programa Hefesto así como polo resto de participantes que quixeron por o seu grao de area nesta actividade reivindicativa e integradora.

Tras un pequeno percorrido polas principais rúas do casco histórico da cidade do Lérez, a marcha puña o seu punto e final na Avenida de Montero Ríos, onde Sergio González, usuario de AMENCER-ASPACE, lía un pequeno manifesto no que facía un chamamento a toda a cidadanía resaltando que “non existen dúas persoas idénticas, que cada quen ten unhas características propias, que son únicas e individuais. Da mesma forma todos temos capacidades para unhas cousas e todos temos limitacións para outras”.

Finalizada a marcha, os asistentes acercáronse ata a praza de Mugartegui para repoñer forzas, onde puideron degustar produtos tradicionais como polbo ou empanada galega. Sen dúbida, a mellor forma para dar por concluída una xornada na que, o colectivo de persoas con parálise cerebral eran os auténticos protagonistas.