76 por cento de aprobados nos exames de competencias clave

Once persoas con parálise cerebral realizaron as probas o pasado 27 de maio na sede da Federación Galega de Parálise Cerebral  

Esta mañá foron publicados pola Consellería de Traballo e Benestar os resultados das probas de competencias clave que persoas con parálise cerebral realizaron o pasado 27 de maio no Centro Sociocultural de Santa María de Xeve, actual sede de ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).

Once usuarios da entidade, chegados de A Coruña, Pontevedra e Vigo, tiveron que amosar os seus coñecementos en lingua castelá, lingua galega, inglés e matemáticas para poder obter estas competencias que lle permitirán acceder aos cursos de certificados de profesionalidade do Servizo Público de Emprego da Xunta de Galicia, que non poden cursar actualmente por non poder acreditar que dispoñen dunha formación básica para acceder aos mesmos.

Un 76 por cento dos participantes aprobaron a totalidade dos exames aos que se presentaron, o que supón un incremento do 22 por cento con respecto aos resultados do ano anterior. Antonio Doallo, responsable do programa de emprego e formación de ASPACE-Galicia, valora moi positivamente estes resultados xa que “veñen a confirmar que a aposta de entidade pola formación e a integración sociolaboral das persoas con parálise cerebral está cumprindo cos obxectivos propostos”.

ASPACE-Galicia conta dende 2005 co programa ASPACE Co-Laborare, orientado a promover a integración sociolaboral das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns, a través de itinerarios individualizados de orientación, prospección e acompañamento no posto de traballo, necesarios para a incorporación ao mercado laboral ordinario.