O Mundial de Duatlón de Pontevedra colaborará co colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia

ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral) foi seleccionada como Entidade Social Benéfica do Campionato e disporá de mesas informativas no CGTD e no Recinto Feiral

A organización do Mundial de Duatlón, que acolle Pontevedra esta fin de semana, acordou nomear Entidade Social Benéfica do Campionato a ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).

Campeonato Mundial de Duatlón de Pontevedra

Coincidindo coa celebración do Ano Galego da Parálise Cerebral en 2014, a entidade está levando a cabo numerosas actividades de divulgación e concienciación sobre esta discapacidade entre a sociedade galega. Durante o Mundial de Duatlón disporemos de dúas mesas informativas para achegar a realidade do colectivo a todos aqueles que se acheguen ao Campionato. Estarán instaladas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e na festa de clausura do evento no Recinto Feiral.

Por outra banda, ASPACE-Galicia patrocinará a participación no Open PontealDU de dous deportistas con parálise cerebral, Aarón Ortiz e Antonio Jesús Martínez, para visibilizar as capacidades deportivas das persoas afectadas, así como para promover hábitos de vida saudables e a participación en actividades deportivas normalizadas.