ASPACE-Galicia pon en marcha o primeiro servizo de orientación laboral especializado en persoas con parálise cerebral

Os orientadores da Federación prestarán asesoramento nos centros das asociacións ASPACE de Pontevedra, Vigo e Sada

Informar, orientar e promover a busca de emprego entre as persoas con parálise cerebral serán o principais obxectivos do servizo de orientación laboral que hoxe pon en funcionamento ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral). Os orientadores da entidade prestarán asesoramento nos centros das asociacións APAMP de Vigo, ASPACE-Coruña en Sada e Amencer-ASPACE en Pontevedra. Este servizo está aberto a tódalas persoas con parálise cerebral da comunidade autónoma e os interesados poderán contactar no enderezo electrónico orientacion@aspacegalicia.org ou no teléfono 986879967.

ASPACE-Galicia pon en marcha o primeiro servizo galego de orientación laboral para persoas con parálise cerebral

ASPACE-Galicia conta dende 2005 cun programa de emprego orientado a favorecer a inserción laboral das persoas con parálise cerebral. O novo servizo de orientación laboral ven a complementar este programa co obxectivo de incrementar a presenza nas empresas galegas de traballadores afectados por esta discapacidade, que afecta en Galicia a preto de 5.500 persoas.

O persoal técnico levará a cabo actuacións e medidas de información, acompañamento, motivación e asesoramento que, tendo en conta as circunstancias persoais e profesionais da persoa beneficiaria, lle permitan determinar as súas capacidades e intereses e xestionar a súa traxectoria individual de aprendizaxe, a busca de emprego por conta allea ou a posta en práctica de iniciativas empresariais.

Ó mesmo tempo, os orientadores realizarán diagnoses individualizadas sobre o perfil do demandante, as súas necesidades e as expectativas mediante entrevistas personalizadas, para poderen encontrar ou manter un emprego ou accederen a un novo. Ó mesmo tempo, oferecerán información sobre o mercado de traballo e os incentivos e medios dispoñibles para o fomento da contratación e o apoio ás iniciativas emprendedoras.

Outro dos servizos ofertados, será a realización de itinerarios individuais e personalizados deemprego ás persoas desempregadas a través de información e orientación profesional para o emprego e o autoemprego, para a mellora da súa cualificación profesional e da súa empregabilidade.