Javier López, director xeral da Fundación Barrié, primeiro convidado nos Diálogos nas Ondas

ASPACE-Galicia puxo en marcha unha serie de entrevistas que serán realizadas por usuarios de ASPACE-Coruña e que se emitirán dentro do programa radiofónico La Radio de los Gatos, integramente desenvolvido por persoas con parálise cerebral.

Dentro das actividades de conmemoración do Ano Galego da Parálise Cerebral, ASPACE-Galicia en colaboración con La Radio de los Gatos iniciou os seus “Diálogos nas ondas”, unha serie de entrevistas con personalidades do mundo da política , da cultura e da sociedade galegas que se desenvolverán na sede da Fundación Barrié en A Coruña.

Javier López, director xeral de Fundación Barrié, durante a entrevista

Estes diálogos iniciáronse conversando con Javier López, director xeral da Fundación. A entrevista foi realizada por usuarios da asociación ASPACE-Coruña (con sede en Sada) que levan dende 2010 á fronte do programa radiofónico La Radio de los Gatos.

Foi o primeiro dos moitos convidados que pasarán polos seus micrófonos nos vindeiros meses, co obxectivo final de achegar á sociedade as capacidades das persoas con parálise cerebral, reivindicar a igualdade de oportunidades e implicar a diferentes axentes sociais e políticos na mellora da súa calidade de vida e a participación social.

Esta acción enmarcase dentro do programa de actividades da exposición “DIsCAPACIDAD! Un viaje por el universo de la parálisis cerebral” que acolle a Fundación Barrié na súa sede de A Coruña ata o vindeiro 19 de outubro.