Santiago de Compostela acollerá as actividades do Día Mundial da Parálise Cerebral

Representantes da Federación Galega de Parálise Cerebral reunirónse  esta mañá co alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Benestar Social, María Castelao.

Santiago de Compostela será a sede das actividades do Día Mundial da Parálise Cerebral no mes de outubro, que reunirá na cidade a representantes de asociacións de atención a persoas con parálise cerebral de toda España e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así se acordou na reunión mantida esta mañá entre o alcalde compostelán, Ángel Currás e a concelleira de Benestar Social, María Castelao con Eulogio López, presidente da Federación Galega de Parálise Cerebral, e Ana María Prieto, xerente da entidade.

Representantes de ASPACE Galicia co Alcalde de Santiago de Compostela e a Concelleira de Benestar SocialNo transcurso da reunión, Ángel Currás comprometeuse a colaborar activamente na organización do evento mediante a cesión dun espazo para a celebración das actividades previstas, así como na xestión de prazas hoteleiras adaptadas para as persoas con parálise cerebral que acudan a este encontro. Así mesmo, o rexedor compostelán quixo deixar patente a sensibilidade que existe na corporación municipal cara o colectivo de persoas con discapacidade e destacou a excelente labor que a Federación Galega de Parálise Cerebral ven desempeñando na atención deste colectivo, que afecta a máis de 5.000 persoas na nosa comunidade.

Pola súa banda, o presidente de ASPACE Galicia agradeceu a dispoñibilidade amosada dende o primeiro momento polo alcalde de Santiago de Compostela para “poñer á nosa disposición todos os recursos necesarios para a organización deste evento que será o acto central do Ano Galego da Parálise Cerebral que se conmemora neste 2014”.