O colectivo de persoas con parálise cerebral reivindica o seu papel como cidadáns de pleno dereito no Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Únese ao manifesto presentado por CERMI Galicia baixo o lema “SOS Discapacidade – Dereitos, Inclusión e Benestar a Salvo 2013” 

Federación ASPACE Galicia e as asociacións que a conforman únense ás reivindicacións recollidas no manifesto presentado esta mañá polo CERMI Galicia co gallo da celebración do Día Internacional e Europeo das persoas con discapacidade. 

A crise económica e as políticas de austeridade están afectando dun xeito devastador a un grupo de poboación especialmente exposto á pobreza e á exclusión social. Por este motivo emprázase a un cambio de modelo de prestación dos servizos que se están a realizar dende a Administración Galega coa implantación da carteira de servizos que non supoña o desmantelamento dos sistemas de apoio actuais e que se conseguiron despois de moitos anos de loita do movemento asociativo do sector da discapacidade e as súas familias.
Por iso, solicitase que non se produzan máis cambios nas políticas de discapacidades en ter en conta aos colectivos e familias, nin máis recortes no gasto social e que non se establezan máis copagos sobre as pensións que reciben as persoas con discapacidade.
Así mesmo, quérese reivindicar un ano máis o fomento do emprego do colectivo de persoas con discapacidade debido á numerosas dificultades que historicamente se veñen producindo no acceso ao mundo laboral.
Neste 2013, Ano Europea da Cidadanía, emprázase a tódalas administracións, á UE e aos estados membro a desenvolver políticas que garantan dereitos tan esenciais como o sufraxio, a igualdade plena ante a lei, a non discriminación, a liberdade persoal, a integridade física, o libre desprazamento e o de expresión e comunicación, entre moitos outros, que obrigan a este colectivo a afrontar diariamente múltiples obstáculos e restricións para exercer a súa completa condición de cidadáns.
En definitiva, o colectivo de persoas con discapacidade de Galicia reclama a necesidade dunha inclusión e participación que abranga tódolos eidos da vida, dende a educación ata o emprego, pasando pola vida social. Só así, co apoio de toda a sociedade, acadaremos a verdadeira inclusión nun espazo social aberto que acolla, respecte e permita liberar o enorme potencial das persoas con discapacidade e as súas familias.

Actividades nas asociacións ASPACE

Ademais de unirse ao Manifesto de CERMI Galicia, as asociacións de parálise cerebral desenvolveron diferentes actividades nos seus centros. Usuarios de Aspace-Coruña empregaron o seu canal de radio propio para realizar unha lectura do manifesto a tódolos compañeiros e profesionais da entidade. Pola súa banda, os usuarios de APAMP (Vigo) leron o manifesto no centro reivindicando unha vez máis os seus dereitos como cidadáns. En Lugo, Iago Santalla, escritor e usuario da entidade, foi o encargado de ler o manifesto.
Usuarios de Amencer – Aspace (Pontevedra) asistirán esta tarde á presentación do documental sobre o proxecto Hefesto, organizado polo Concello de Pontevedra e que terá lugar no Teatro Principal ás 20.00 horas. Esta peza audiovisual recolle as actividades nas que participaron articulas en torno á cultura breakdance, a musica e o mundo das motos.

Descargar Manifesto CERMI Galicia