Programas e servizos

         Programas  e servizos da Federación ASPACE-Galicia

Emprego e formación de persoas con parálise cerebral

Verónica ITV        A súa misión é facilitar a integración socio-laboral das persoas con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns, a través de itinerarios individualizados de orientación, prospección e acompañamento no posto de traballo, necesarios para a incorporación ao mercado laboral ordinario.

         Este programa abarca os seguintes procesos:

+Acollida: valorar a adecuación dos servizos ás necesidades do usuario.

+Prospección: detección  dos postos de traballo e accións formativas acordes cos perfís profesionais dos demandantes.

+Orientación socio-laboral: mellorar a empregabilidade do usuario para acadar a súa integración socio-laboral.

+Emprego con apoio: adestrar ao demandante nas competencias requiridas para a realización da actividade laboral de xeito totalmente autónomo.

 

Atención á demanda

         Proporcionar información e asesoramento ás familias, usuarios e asociacións.

Respiro familiar

         Atención temporal de persoas con parálise cerebral coa finalidade de permitir  unha maior conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos seus coidadores.

         O servizo de respiro familiar é un servizo de carácter non permanente, dirixido aos familiares que conviven con persoas con parálise cerebral e discapacidades afíns coa fin de conciliar a súa vida persoal, familiar e laboral, prestando unha atención temporal e a corto prazo ao seu familiar con discapacidade.

         Os familiares – coidadores son xeralmente os proxenitores, e en concreto as nais; son os encargados de atender e asistir ás persoas con discapacidade nas actividades da vida diaria que non poden realizar por si mesmas.

         A situación de moitos destes coidadores agrávase debido ao avellentamento dos mesmos, o que os limita á hora de atender aos seus familiares, e sen unha rede de apoio á que recorrer no caso de ser necesario debido a hospitalizacións do coidador, enfermidade, necesidade de descanso ou repouso por sobrecarga física, emocional, etc.

Comunicación e marketing

         Favorecer os procesos de comunicación e visibilidade e promover a captación de recursos e a detección de novos proxectos.

          A Federación ASPACE-Galicia, na súa labor de ofrecer e poñer a disposición das asociacións membro e, con elas, a toda a sociedade, os seus servizos e actividades, realiza tarefas de comunicación interna e externa, coa finalidade de manter canles de información sobre aquilos temas que afecten ao colectivo de persoas con parálise cerebral.

Formación profesional para directivos e técnicos

 

         Formación continua de técnicos e directivos das asociacións ASPACE, a través de cursos gratuítos, orientados especificamente á atención de persoas con parálise cerebral.

A misión do servizo de formación de directivos e técnicos é xestionar a formación de profesionais de entidades de atención a persoas con parálise cerebral, ofrecendo formación acorde ás súas demandas e á súa dispoñibilidade horaria.
As accións formativas artéllanse en base aos seguintes obxectivos:

+    Formar a técnicos e directivos para capacitalos no desenvolvemento das súas funcións
+    Favorecer a ampliación de coñecementos dos profesionais
+    Servizos de calidade grazas ao proceso de formación continua dos seus profesionais.

Mantemento de instalacións e edificios

         De infraestruturas e tecnolóxico  para todas as entidades membro.
Confederación ASPACE-Galicia levou a cabo o servizo de mantemento de edificios e instalacións para as entidades federadas. Con dito servizo preténdese dar ás entidades unha oportunidade de mellorar e manter as súas instalacións en perfecto estado, que contribúa a un mellor funcionamento destas.

Transporte adaptado

         Xestión directa, por parte das entidades federadas, dos vehículos dos que dispón a Federación ASPACE-Galicia.