Parálise cerebral

Que é a parálise cerebral?

Apamp         A parálise cerebral é un trastorno global da persoa consistente nunha desorde permanente e non inmutable do ton, a postura e o movemento, debido a unha lesión non progresiva no cerebro antes de que o seu desenvolvemento e crecemento sexan completados. Esta lesión pode xerar alteración doutras funcións superiores ou interferir no desenvolvemento do sistema nervioso central.

Os trazos da parálise cerebral xeralmente admitidos son:

+ Prodúcese por unha lesión no encéfalo, o que permite establecer un diagnóstico diferencial con respecto a outros trastornos como miopatía, espiña bífida, poliomielite, etc.
+ A lesión cerebral da que se trata pódese producir dende o inicio da xestación ata os tres anos.
+ Dita lesión é irreversible e non evoluciona. Os síntomas poden mudar ao longo da vida da persoa.
+ Os trastornos resultantes da parálise cerebral son múltiples e complexos. O máis frecuente e evidente caracterízase por alteracións na postura, ton muscular e movemento. Tamén poden asociarse trastornos sensoriais, perceptivos, cognitivos, respiratorios, epilepsia, trastornos da linguaxe, de conduta, etc.

 

Causas da parálise cerebral

         As lesións que provocan a parálise cerebral acontecen durante a xestación, o parto ou durante os primeiros anos de vida. Na actualidade produciuse un descenso significativo das causas sucedidas no parto e incrementáronse as causas durante o período de xestación.

As causas poden ser:

+Prenatais: infeccións intrauterinas (especialmente virais), as intoxicacións (sustancias tóxicas, medicamentosas), exposición a radiacións …
+Perinatais: a anoxia, a prematuridade, os traumatismos mecánicos do parto e o desprendemento placentario prematuro.
+Postnatais: incompatibilidade sanguínea, a encefalite e meninxite, problemas metabólicos, lesións traumáticas e a inxestión accidental de substancias tóxicas.

 

{slider Tipoloxías de parálise cerebral |closed}

         A parálise cerebral non é un termo que agrupa unha única tipoloxía con síntomas homoxéneos. A lesión cerebral non permite ou dificulta a transmisión de mensaxes do cerebro cara os músculos distorsionando os movementos destes. Este dano xera diversos tipos de parálise cerebral.

Un modo de clasificar a parálise cerebral é segundo a parte do corpo afectada:

Hemiplexía: prodúcese cando está afectado un dos lados do corpo, mentres que a outra metade funciona con normalidade.
Displexía: afecta aos catro membros, aínda que os inferiores atópanse máis afectados.
Tetraplexía: afecta globalmente aos membros superiores e inferiores e con frecuencia ao eixo do corpo (cabeza e tronco).

 

       A complexidade da parálise cerebral e os seus efectos varía dunha persoa a outra. Por iso, adoita ser difícil clasificar con precisión o tipo de parálise cerebral que padece a persoa afectada. Algúns dos tipos tradicionalmente considerados como os máis importantes determínanse polo trastorno neuromotor:

+    Espástica. É a máis frecuente. A codia cerebral non funciona correctamente. Os grupos musculares contráense todos ao mesmo tempo impedindo a correcta execución dos movementos. Ás veces, estas mesmas contraccións esaxeradas poden intensificarse ante estímulos tales como ruídos, emotividade, gravidade, actividades voluntarias, etc.

+    Aetoide. Prodúcese cando a parte central do cerebro non funciona axeitadamente. Afecta basicamente ao ton muscular que flutúa de alto (hipertonía) a baixo (hipotonía). Durante o sono o ton muscular é normal. Estas alteracións provocan movementos bruscos, incontrolables, involuntarios e lentos, debidos aos desequilibrios das contraccións musculares.

+    Atáxica. Existe dano no cerebelo. Provoca problemas de equilibrio e destreza manual con diminución da forza muscular (hipotonía).

+    Mixta. O máis frecuente é que nos atopemos cunha combinación dos síntomas dos tres tipos anteriores e por este motivo aos profesionais resúltalles difícil dar un diagnóstico preciso.

 

 

{slider Dificultades asociadas coa parálise cerebral}

        Á parálise cerebral, xeralmente, asócianse problemas de diversa índole. Xunto ás dificultades no movemento poden aparecer alteracións sensoriais, de comportamento, de personalidade, cognitivas, comunicativas ou de saúde. Esta realidade fai que, ás veces, se entenda que estamos ante persoas con pluridiscapacidade.

Problemas visuais

O problema visual máis común é o estrabismo. Este pode ser corrixido con parches, toxina botulítica ou intervención cirúrxica. As persoas con parálise cerebral poden desenvolver, nalgúns casos, problemas visuais máis serios. Algúns teñen defecto cortical, o cal incide na interpretación das imaxes no cerebro.

Percepción espacial

A persoa con parálise cerebral, en ocasións, non é capaz de relacionar o espazo co seu corpo. Resúltalle difícil, por exemplo, calcular as distancias ou construír visualmente en tres dimensións. Hai que ter en conta, iso si, que estas dificultades non están relacionadas coa súa capacidade intelectual.

Oído

Os problemas de audición son pouco frecuentes aínda que o nervio auditivo que está afectado pode desenvolver hipoacusia (os sons percíbense máis baixos) ou xordeira.

Fala

A capacidade de comunicarse vai a depender, en primeiro lugar, do seu desenvolvemento intelectual. Desenvolvemento que se recomenda estimular nos primeiros anos de vida.
A súa capacidade de falar dependerá da súa habilidade motriz para controlar os músculos da boca, a lingua, o padal e a cavidade bucal.
As dificultades para falar que teña a persoa afectada adoitan ir unidas ás de mastigar e tragar. A intervención conxunta de varios profesionais axudará a mitigar ou solucionar estes problemas.
Moitas persoas poden exercitar, nalgunha medida, a comunicación verbal. Para aqueles aos que lles resulte máis complicado existen sistemas aumentativos e alternativos de comunicación.

Epilepsia

A epilepsia afecta unha de cada tres persoas con parálise cerebral. É imposible predicir de que maneira ou en que momento a persoa afectada pode desenvolver os episodios.  

Dificultades de aprendizaxe

É posible que presente alteracións na aprendizaxe debido a dificultades na atención, concentración, memorización ou procesamento da información.
A isto engádense as dificultades de interacción co entorno provocadas polas alteracións motoras. Nalgúns casos, a parálise cerebral leva asociados retraso mental e/ou trastornos de conduta que dificultan tamén o proceso de aprendizaxe da persoa afectada.

Outros problemas

As infeccións respiratorias, alteracións de conduta ou os trastornos do sono, engádense á lista de posibles dificultades que presenta unha persoa con parálise cerebral.

 

{slider Como actuar ante a parálise cerebral?}

       Enumeramos as causas e dificultades da parálise cerebral. Pero cales son as solucións temos?
A persoa afectada precisa unha atención global, un tratamento que lle axude a mellorar a súa motricidade, que estimule o seu desenvolvemento intelectual, que lle permita desenvolver o mellor nivel de comunicación posible, que favoreza a súa relación social e que preveña a aparición dos posibles trastornos asociados. Todo para mellorar a súa calidade de vida.
Hai diferenzas de técnicas e enfoques na atención ás persoas con parálise cerebral. Podedes solicitar información sobre ditos tratamentos na asociación de parálise cerebral máis próxima.

Máis información na web da Confederación ASPACE. {/sliders}

{slider Deportes e parálise cerebral}

Deportes y PC         A práctica deportiva xoga un papel fundamental cando se trata de aplicala e desenvolvela a usuarios con parálise cerebral e/ou patoloxías afíns, xa que os exercicios aplicados dan como resultado unha gran melloría en puntos ou aspectos motivacionais, relacionais e psico-cognitivos.

         Debido a isto xurde a necesidade de programar e aplicar unha actividade física adaptada que constitúa un medio de desenvolvemento das capacidades psicomotoras, tratando de implicar e dar maior cobertura a unha grande parte de usuarios, individualizándoa na medida do posible para atender ás características de cada un deles, e contribuíndo á mellora da calidade de vida.

         Por outro lado, a existencia de deportes específicos para a Parálise Cerebral cun regulamento propio e adaptado, rexido pola Federación Española de Deportes de Paralíticos Cerebrales (FEDPC), que se encarga de marcar a temporada deportiva fixando as datas das competicións nacionais que se realizarán ao longo de todo o ano, sendo a porta de acceso aos campionatos internacionais.


         Todo isto constitúe un acicate e un punto de referencia para a práctica e desenvolvemento das actividades correspondentes que conduzan a cumprir os obxectivos que calquera deportista e técnico teñen marcados, ao mesmo tempo que se trata de contribuír a desenvolver o espírito de participación, superación e compañeirismo.

 

          Visita os nosos clubs deportivos:TA.MI.AR (APAMP) e Sport ASPACE (ASPACE-Coruña)

 

 

{tab=SLALOM}

Qué é o Slalom?

Slalom

        O slalom é unha modalidade deportiva que consiste nunha carreira de obstáculos en cadeira de rodas. O obxectivo deste deporte é poder realizar un circuíto superando o maior número de obstáculos no menor tempo posible.
Os obstáculos presentes nos distintos circuítos son de diferente índole e grado de dificultade, o derribo ou a incorrecta execución dos obstáculos penaliza con tempo ou incluso coa descalificación.

         Este deporte practicado por persoas con parálise cerebral, foi deseñado simulando problemas de forma artificial, obstáculos, que unha persoa en cadeira de rodas se poida atopar na vida real. Deste xeito preténdese manter e desenvolver o potencial físico das persoas con parálise cerebral que o practican, mellorando tamén a súa autonomía e desenvolvemento na vida diaria.

Divisións de competición

Slalom         No slalom establécense unha serie de divisións de competición en función da cadeira de rodas, do grado de mobilidade e forza funcional das persoas que o practican.

(División marcada no regulamento de slalom en cadeira de rodas da FEDPC).

D1: Deportistas con afectación severa. Dependente de cadeira eléctrica ou axuda para a súa mobilidade. Incapaz de mover funcionalmente unha cadeira de rodas. (CP1)

D2: Afectación severa a moderada. Pobre forza funcional en todas as extremidades e tronco, pero quen de manexar unha cadeira de rodas cos brazos (CP2U)

D3: Afectación severa a moderada. Pobre forza funcional en todas as extremidades e tronco, pero quen de manexar unha cadeira de rodas coas pernas (CP2L)

D4: Cuadriplexía moderada ou hemiplexía severa. Amosa bo control do tronco ao empurrar a cadeira, limitado a miúdo polo tono extensor (CP3)

D5: Boa forza funcional con limitación mínima ou problemas de control que se aprecian en extremidades superiores e tronco (CP4)

Á súa vez, cada unha destas categorías está dividida por sexos (categoría masculina e categoría feminina)

Probas

O slalom conta con varias probas:

+Probas individuais: Dentro das probas individuais, existen dúas tipoloxías de competición:

+    Proba cronometrada: Consiste na realización de dous circuítos (un igual en todas as competicións e outro diferente en cada competición). A clasificación final será a suma dos tempos acadados en cada circuíto.

+    Proba eliminatoria: Consiste na disposición de dous circuítos iguais de forma paralela. Os contrincantes realízanos a un tempo e gaña o que primeiro chegue ou descualifique ao equipo contrario.

+Probas por equipos. Realízanse equipos de catro participantes, para os que as divisións de competición nas que se atopan marcarán a clasificación para a puntuación do equipo (sistema de homoxeneización de equipos). A proba realízase como a proba eliminatoria individual pero vanse sumando os puntos e as penalizacións. Cando un equipo supera os 15 segundos de penalización queda eliminado.

  Regulamento do slalom (pdf)

 

{tab=BOCCIA}

Qué é a Boccia?

Boccia

         A boccia é un deporte que ten a súa orixe na Grecia clásica. Foi recuperado nos anos 70 por países nórdicos coa finalidade de adaptalo ás persoas con discapacidade. Desde 1988 nos Xogos de Seúl, a boccia está considerada deporte paralímpico.

         É un deporte de precisión e estratexia, consistente nunha serie de bolas denominadas “bólas de boccia”, seis bólas vermellas (pertencentes a un equipo) e seis bólas azuis (pertencentes ao equipo contrario) e unha bóla branca, denominada “diana”. O obxectivo de cada equipo é achegar as súas bólas á “diana” tentando ademais conseguir unha maior puntuación que o equipo contrario.

         En función do grado de discapacidade dos deportistas, o lanzamento das bólas realízase coas mans ou coa axuda dunha quenlla, o deportista elixe a dirección do tiro e a persoa piloto do deportista colócalle a bóla para que este posteriormente lla lance.

Divisións de competición

Boccia         Na boccia distínguense sete divisións de xogo. Cada división xógase con competidores de ambos sexos. As divisións son:

INDIVIDUAL

Individual BC1
Xogadores clasificados no sistema de clasificación do CP-ISRA como CP1 ou CP2 (pernas). Ditos xogadores poden ser asistidos por un auxiliar que debe permanecer sentado a unha distancia de polo menos dous metros, a ser posible detrás do box de xogo nunha área sinalizada a tal efecto. Este auxiliar unicamente poderá adiantarse para axudar ao xogador se, visiblemente, este o solicita. Este auxiliar realizará tarefas tales como:
+    Axustar ou estabilizar a cadeira de rodas do xogador
+    Pasar unha bóla ao xogador
+    Redondear a bóla

Individual BC2
Xogadores clasificados como CP2 (U) dentro do sistema de Clasificación de CP-ISRA. Os xogadores non poden ser asistidos por un auxiliar. Poden unicamente solicitar axuda do árbitro, no seu tempo de xogo, para recoller unha bóla do campo ou entrar nel.


Individual BC3
Xogadores que utilizan material auxiliar. Xogadores clasificados como CP1 / BC3 dentro do sistema de clasificación do CP-ISRA. Permítese a cada xogador ser axudado por un auxiliar, quen permanecerá dentro do box do xogador pero manténdose de costas á pista e coa mirada apartada do terreo de xogo.


Individual BC4
Xogadores clasificados como BC4 dentro do sistema de clasificación do CP-ISRA. Non poderán ser axudados por ningún auxiliar. Poden unicamente pedir axuda do árbitro, no seu tempo, para recoller unha bóla do campo ou entrar dentro del.

 

PARELLAS

+    Parellas BC3 – Para aqueles xogadores clasificados como BC3.

+    Parellas BC4 – Para aqueles xogadores clasificados como BC4.

EQUIPOS

+   Equipos – Para aqueles xogadores clasificados como BC1 e BC2.
Ao contrario que no slalom, a boccia non realiza divisións de competicións por sexo, senón que as parellas e/ou equipos poden ser mixtos, competindo homes e mulleres entre si.

 
Pruebas

A forma de competir depende da división de xogo, se é individual, por parellas ou por equipos.

Probas individuais
Cada partido preséntase en catro parciais. Cada xogador xoga con seis bólas da cor correspondente e vaise alternando o inicio de cada parcial a través do lanzamento da bóla branca e a súa primeira bóla de cor. En caso de desempate engádese un parcial extra.


Probas por parellas
Cada partido preséntase en catro parciais. Cada xogador lanza tres bólas da cor correspondente (repártense as bólas de cor entre os compoñentes do equipo) e vaise alternando o inicio de cada parcial a través do lanzamento da bóla branca e a súa primeira bóla de cor. No caso de desempate engádese un parcial extra.


Probas por equipos
Cada partido preséntase en seis parciais. Cada xogador xoga con dúas bólas da cor correspondente (repártense as bólas de cor entre os compoñentes do equipo) e vaise alternando o inicio de cada parcial a través do lanzamento da bóla branca e a súa primeira bóla de cor. Na proba por equipos é o capitán de cada equipo quen elixe ao xogador que lanzará en cada quenda. En caso de desempate engádese un parcial extra.

Normativa

  Regulamento de Boccia (pdf)

FEDPC (Federación Española de Deportes Paralíticos Cerebrales)
FEDDF (Federación Española de Deportes de Personas con Discapacidad Física)
Comité Paralímpico Español 

{/tabs}

 {/sliders}