Mos acolle un cocido solidario a favor das persoas con parálise cerebral

A Federación Galega de Parálise Cerebral, coa colaboración do Concello de Mos, organiza este evento solidario o día 23 de febreiro

         Solidariedade e gastronomía únense nun cocido solidario organizado pola Federación Galega de Parálise Cerebral(ASPACE-Galicia), coa colaboración do Concello de Mos e cinco empresas patrocinadoras, que se celebrará o sábado 23 de febreiro no multiusos de Mos.

          A presentación, que tivo lugar no Concello de Mos, contou coa participación da alcaldesa, Nidia Arévalo, representantes da Federación ASPACE-Galicia e representantes da Asociación Galega de Catering e Colectividades.

         Todos eles destacaron o carácter solidario do evento, que ten por finalidade recadar fondos para o mantemento dos programas e servizos que ASPACE-Galicia ofrece ao colectivo de persoas con parálise cerebral e as súas familias.

         Entre as empresas patrocinadoras atópanse a Asociación de Catering e Colectividades de Galicia, Axencia de Desenvolvemento Rural, Tu Menú Catering, Coca Cola e Señorío de Rubiós.

         A sede do cocido solidario será o multiusos de Mos, e celebrarase ao longo do día 23 de febreiro. O custe dos pratos será de 30 euros.