La Casa de los Ingleses, Marvel Pop e Belöp en concerto pola parálise cerebral

+Os tres grupos pontevedreses dan un concerto solidario para recadar fondos para ASPACE-Galicia

+O evento será mañá mércores ás 20.30 horas no Centro Cultural de Santa María de Xeve

         Solidariedade e música únense nun concerto organizado pola Federación Galega de Parálise Cerebral, que se celebrará o mércores día 5 no Centro Cultural de Santa María de Xeve, a partir das 20.30 horas.

       La Casa de los Ingleses, Marvel Pop e Belöp, tres grupos de Pontevedra e Redondela, participan de xeito altruísta neste concerto cun obxectivo común: recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral en Galicia, ao mesmo tempo que amosan o traballo musical que se está a desenvolver na provincia de Pontevedra.

         A sede do concerto será o Centro Cultural de Santa María de Xeve (situado a carón da igrexa) e realízase en colaboración co Concello de Pontevedra, a Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños de Xeve.

         Así mesmo, no museo do Centro Cultural estarán expostas as tarxetas de Nadal realizadas por persoas con parálise cerebral,  que se poderán visitar desde o día do concerto e durante todo o mes de decembro.