ASPACE-Galicia presenta iniciativas solidarias en Pontevedra para o mes de decembro

O día 30 de novembro  comeza o torneo de pádel pola parálise cerebral e o 5 de decembro celebrarase un concerto solidario en Xeve con Belöp, La Casa de los Ingleses e Marvel

         ASPACE-Galicia presentou hoxe, na Casa do Concello de Pontevedra, as actividades solidarias previstas para principios do mes de decembro. Trátase dun torneo de pádel en Monteporreiro e un concerto solidario en Xeve, ambos promovidos pola organización.

         O torneo de pádel, inscrito no Circuíto de Pádel Solidario de ASPACE-Galicia comezará o 30 de novembro nas pistas do club School Padel Center en Monteporreiro. Este circuíto xa pasou previamente por Santiago de Compostela e A Coruña, e está previsto realizarse proximamente en Vigo. As inscricións estarán abertas ata o 29 de novembro na páxina web www.doblered.es .

         Por outra parte, e enmarcado no plan de dinamización da parroquia de Xeve, onde se atopa a sede de ASPACE-Galicia realizarase un concerto solidario no Centro Cultural de Santa María de Xeve o día 5 de decembro ás 20.30 horas. Actuarán Belöp, La Casa de los Ingleses e Marvel.

         A finalidade destes eventos é recadar fondos para o financiamento dos programas en favor de persoas con parálise cerebral. Na presentación participaron Miguel Filgueira, Concelleiro delegado da parroquia de Santo André de Xeve, así como Ana Prieto, xerente de ASPACE-Galicia, e representantes das empresas patrocinadoras do torneo de pádel.