Bergondo acolle a segunda proba do circuíto de pádel solidario en favor das persoas con parálise cerebral

+O torneo comeza o día 9 de novembro no club Padel D3 de Bergondo
+As inscricións están abertas en www.doblered.es ata o 6 de novembro

         Coa finalidade de recadar fondos para o financiamento dos programas a favor de persoas con parálise cerebral de Galicia, continua o Circuíto de Pádel Solidario en Bergondo, nas pistas de Padel D3, as fins de semana do 9-11 e 16-18 de novembro.

         A inauguración do torneo, que se realizou na Coruña, no Amura Café, contou coa presenza de Ana Prieto, xerente de ASPACE-Galicia, e representantes das empresas patrocinadoras do evento.

         Esta é a segunda proba do Circuíto de Pádel Solidario organizado Por ASPACE-Galicia, que comezou en Ames e continuará en Pontevedra e en Vigo nos próximos meses. As inscricións para participar no torneo de Bergondo poden realizarse ata o martes 6 de novembro a través da páxina www.doblered.es

         Con cada inscrición, os participantes recibirán unha camiseta e un bono spa para dúas persoas no Hotel Spa Vilavella. O torneo, non federado, conta con cinco categorías: masculina, feminina, mixta, empresas e consolación. Os gañadores de cada unha delas recibirán un trofeo e haberá un obsequio para todos os finalistas.