Arrinca en Ames a primeira proba do Circuito de Pádel Solidario

O club Let Padel Ames acollerá durante toda a semana os partidos do torneo, que conta con 30 parellas inscritas

         Un total de 30 parellas inscribíronse na primeira proba do Circuito de Pádel Solidario en beneficio das persoas con parálise cerebral de Galicia, que se celebrará dende hoxe en Ames.

         Esta competición deportiva e solidaria está organizada por ASPACE-Galicia e o club Let Padel Ames, en colaboración co Concello de Ames. Ao acto de inauguración da proba asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, o xerente de Let Padel Ames, Miguel Martínez e a xerente de ASPACE-Galicia, Ana Prieto, quen presenciaron o partido inaugural da competición. Esta mañá tamén se procedeu ao sorteo dos encontros que se disputarán ao longo da semana e que culminarán coas finais o próximo domingo 14 de outubro.

         O obxectivo deste torneo e do Circuíto de Padel solidario é recadar fondos para o financiamento dos programas e servizos que ASPACE-Galicia desenvolve para a mellora da calidade de vida do colectivo de persoas con parálise cerebral. A competición percorrerá nos próximos meses as cidades da Coruña, Pontevedra e Vigo.

          Con cada inscrición, os participantes recibiron unha camiseta conmemorativa e un bono spa para dúas persoas no Hotel Spa Vilavella. O torneo, non federado, conta con catro categorías: masculina, feminina, mixta e empresas. Os gañadores de cada unha delas recibirán un trofeo e haberá un obsequio para todos os finalistas.