Éxito de participación na primeira edición do Torneo de Golf “Ace pola parálise cerebral”

+O campo de golf de Meis viviu unha intensa xornada coa participación de arredor de 80 persoas
+Os fondos recadados irán destinados a financiar os programas e servizos de ASPACE-Galicia

“Ace pola parálise cerebral”
“Ace pola parálise cerebral”
        Deporte e solidariedade uníronse unha vez máis hoxe no campo de golf de Meis. Un total de 72 deportistas participaron na primeira edición do torneo solidario “Ace pola parálise cerebral” co obxectivo de recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral e Galicia e as súas familias.

 

         Este torneo organizado por ASPACE-Galicia está enmarcado dentro dun programa de eventos solidarios orientados a paliar a redución de fondos públicos e a desaparición das obras sociais, principais financiadores da entidade desde a súa fundación a finais da década dos noventa.

         O campo de Meis viviu unha intensa xornada de golf que comezou a primeira hora da mañá e que culminou co acto de entrega de premios aos gañadores do torneo. Na categoría masculina, Óscar Jesús Cerezal de la Varga alzouse co título de campeón, impoñéndose a Álvaro Salas por un axustadísimo 41 a 40. Pola súa parte, Patricia Vázquez-San Luis conseguiu o primeiro premio na categoría de damas, por diante de Montserrat Rivadulla, subcampiona da categoría por unha diferenza de 7 puntos (35 a 28). Na categoría infantil, o campión foi Alejandro Abreu Costas seguido de Nicolás Moya.

          Dado o éxito de participación acadado nesta primeira edición do torneo, tanto ASPACE-Galicia como o propio Campo de Golf de Meis comprometéronse a seguir colaborando e poder consolidar esta proba dentro do circuíto galego de golf.

         Esta iniciativa foi posible grazas á colaboración de Lantero Embalajes, Marketing Tangible, Nortempo, Hotel Spa Vilavella, Coca-Cola, Bodegas Terras Gauda, Vilanova Peña e Bodegas Pazo de Señoráns, patrocinadores do torneo.