O Campo de Golf de Meis acolle a primeira edición do torneo “Ace pola parálise cerebral”

+O torneo, presentado esta mañá, celebrarase o próximo 22 de agosto a partir das 9.00 horas no Campo de Golf de Meis
+Os fondos recadados irán destinados a financiar os programas e servizos da Federación Galega de Parálise Cerebral

         Recadar fondos para a financiación dos programas e servizos que a entidade desenvolve en favor da mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral de Galicia e as súas familias é o obxectivo principal do I Torneo “Ace pola parálise cerebral”, organizado por ASPACE-Galicia (Federación Galega de Parálise Cerebral).

 

         “Ace pola parálise cerebral” I Torneo ASPACE-Galicia nace coa intención de consolidarse no calendario e  de se converter nunha proba de referencia dentro do Circuíto Galego. Celebrarase o próximo 22 de agosto a partir das 09.00 horas no Campo de Golf de Meis.

         O torneo está aberto a xogadores e xogadoras en posesión de licenza federativa en vigor. O custo da inscrición é de 25 euros, tanto para socios como para non socios. Con cada inscrición o xogador recibirá un obsequio de benvenida ao cumprimentar a tarxeta de xogo, como agradecemento á súa colaboración.

         Esta primeira edición do torneo conta con tres categorías: cabaleiros, damas e infantil. Os tres mellores clasificados de cada categoría recibirán un trofeo. Ademais haberá premio ao drive máis longo nas categorías de cabaleiros e damas, á bóla máis próxima ao buraco nas mesmas categorías e un premio especial “Ace pola Parálise Cerebral” ao primeiro ace conseguido por un xogador durante o torneo.

         Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración de Lantero Embalajes, Vilanova Peña, Bodegas Terras Gauda, Coca-Cola e Bodegas Pazo de Señoráns, patricinadores do torneo.