ASPACE-Galicia organiza unha acción solidaria en colaboración co espectáculo Cantajuego para recadar fondos para as persoas con parálise cerebral

O próximo 23 de xuño a entidade instalará unha carpa solidaria no Pazo da Cultura de Pontevedra con actividades para os máis pequenos

         En colaboración co espectáculo Cantajuego, que visita Pontevedra o próximo 23 de xuño, ASPACE-Galicia desenvolverá unha acción solidaria para recadar fondos para o financiamento dos programas e servizos que desenvolve a favor das persoas con parálise cerebral de Galicia.

        Instalarase un mural para que os nenos poidan participar nunha actividade creativa a través do debuxo e a pintura. Xuntos realizarán unha obra artística que, unha vez rematada, será instalada na sede de ASPACE-Galicia en Pontevedra. A temática dos debuxos será libre, deixando que sexan os propios participantes quen lle dean forma ao muro solidario.
Porase á venda a “pintura solidaria” ao prezo dun euro para colorear o mural solidario. Todos os nenos participantes poderán levar a pintura solidaria unha vez finalizada a actividade.

         Paralelamente ao desenvolvemento do muro solidario, porase a disposición dos asistentes ao espectáculo Cantajuego o obradoiro de maquillaxe infantil “Pintacaritas”. Varios profesionais da animación infantil serán os responsables do desenvolvemento deste obradoiro de maquillaxe infantil, no que os nenos participantes poderán escoller entre varios modelos de maquillaxe de animais, princesas e piratas. Igual que no muro solidario, o prezo do obradoiro de maquillaxe será dun euro por neno.

         A carpa solidaria estará aberta dende as 15.45 ata media hora despois da finalización da segunda sesión do espectáculo Cantajuego.