Inaugurado en Nigrán o I Torneo de Pádel Solidario para recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia

Un total de 200 parellas competirán ao longo da semana nesta iniciativa deportiva e solidaria organizada por ASPACE-Galicia en colaboración co Concello de Nigrán e o R.C. Náutico de Vigo

         A sede do R.C. Náutico de Vigo en Nigrán foi o escenario do acto de inauguración do I Torneo de Pádel Solidario pola parálise cerebral que se celebrará ao longo da próxima semana.

I Torneo de Pádel Solidario
I Torneo de Pádel Solidario
         Un total de 400 persoas inscribíronse no torneo o que supón en palabras de Jaime Barral, xerente das instalacións e director do campionato, un éxito de participación sen precedentes nunha competición dunha semana de duración.

         O acto de inauguración contou coa participación de Alberto Valverde, alcalde de Nigrán, María del Carmen Alonso-Macías, concelleira de Benestar Social e Sanidade, Liliana Silva, concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, e Franco Cobas González, presidente do Real Club Náutico de Vigo, quen estiveron acompañados por representantes das institucións e empresas que colaboraron con este torneo solidario.

         Ademais a inauguración contou coa participación de Aleix Lores, vocalista do grupo vigués Ragdog e José Luís Abadín, piloto galego de FIA Fórmula Two, que actuaron como padriños do torneo e que foron encargados, xunto co alcalde de Nigrán e co director do torneo, de inaugurar a competición disputando o primeiro dos partidos.

         O torneo ten como finalidade recadar fondos para financiar os programas e servizos que ASPACE-Galicia vén desenvolvendo dende 1999 en beneficio do colectivo de persoas con parálise cerebral.