Nigrán acolle o I Torneo de Pádel Solidario en beneficio de persoas con parálise cerebral

O torneo celebrarase do 3 ao 10 de xuño nas instalacións do R.C. Náutico de Vigo

        A primeira semana de xuño celebrarase en Nigrán o I Torneo de Pádel Solidario pola parálise cerebral, organizado por ASPACE-Galicia en colaboración co RC Náutico de Vigo e o Concello de Nigrán.

         A sede do Concello foi escenario da presentación desta iniciativa, que contou coa participación de Alberto Valverde, alcalde de Nigrán, María del Carmen Alonso-Macías, concelleira de Benestar Social e Sanidade, Liliana Silva, concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Concepción Somoza Torres, presidenta de ASPACE-Galicia, Franco Cobas González, presidente do Real Club Náutico de Vigo, Santiago López Guerra,  Secretario Xeral do consorcio Zona Franca de Vigo, e Silvia Valverde, directora da Sucursal de Nigrán de Novagalicia Banco.

         O obxectivo do torneo é captar recursos para axudar ás persoas con parálise cerebral; os deportistas terán a oportunidade de que a experiencia no torneo teña un significado especial: contribuír a mellorar a calidade de vida deste colectivo.

         O torneo está dirixido a todas as persoas que queiran colaborar, independentemente do seu nivel, e  a aqueles que practiquen este deporte. Todas as persoas interesadas en participar e colaborar con esta iniciativa solidaria dispoñen de dúas modalidades de inscrición, a través da páxina web oficial do RC Náutico de Vigo ou no Decathlon Vigo, na sección de pádel. O pago farase antes de xogar o primeiro partido.

         Na súa intervención, o alcalde de Nigrán Alberto Valverde, agradeceu a ASPACE-Galicia ter pensado neste municipio  para realizar a primeira edición desta proba, “que permitirá aos amantes do deporte desfrutar do pádel, nun entorno inmellorable e, o máis importante, por unha máis ca merecida causa”. Así mesmo, subliñou o apoio incondicional que entidades como Begano Coca-Cola ou Novagalicia Banco prestan a este tipo de iniciativas, “un labor de responsabilidade social fundamental nos tempos que vivimos”, así como a Zona Franca de Vigo “que co seu apoio e predisposición axudan a complementar a oferta de lecer e deportiva no noso municipio”.