A Fundación Solidaridad Carrefour doa unha furgoneta adaptada á asociación Amencer-ASPACE

+O acto de entrega contou coa presenza do presidente da entidade, Carlos Godoy, o director rexional Carrefour Galicia, Gabriel García e a responsable da Fundación Solidaridad Carrefour, María Cid
+O servizo de transporte adaptado é utilizado por 68 nenos e mozos da provincia.

Momento da donación
Momento da donación
          Fundación Solidaridad Carrefour entregou hoxe á asociación Amencer-ASPACE de Pontevedra unha furgoneta adaptada que reforzará o servizo de transporte co que conta esta asociación e que é utilizado por 68 mozos con parálise cerebral da provincia.

 

         O acto de entrega celebrouse no Hipermercado Carrefour de Pontevedra e a el asistiron o presidente da entidade, Carlos Godoy, o director rexional Carrefour Galicia, Gabriel García, e a responsable da fundación Solidaridad Carrefour, María Cid. Tamén estiveron presentes Carme Fouces, concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Pontevedra, e a deputada provincial Ana Isabel Vázquez, ademais de numerosos traballadores de Carrefour.

         O vehículo é un Volkswagen Crafter de nove asentos, que foi adaptado para transportar coa maior seguridade a seis persoas en cadeira de rodas. Deste xeito garántese o traslado de nenos e mozos con parálise cerebral aos tres centros cos que conta a asociación.

         Coa incorporación da furgoneta, amplíase o servizo de transporte “porta a porta” da asociación e facilita a participación de nenos e mozos nas actividades dos centros de educación especial e de día que conta na provincia. En total, Amencer-ASPACE dispón na actualidade dunha flota de nove vehículos adaptados.

         A Asociación Amencer-ASPACE naceu en 1991 grazas ao impulso dun grupo de familias con persoas afectadas por unha  parálise cerebral. Nestes momentos, conta con tres centros especializados, que son atendidos por 92 profesionais e dan servizo de rehabilitación, logopedia, estimulación multisensorial, atención a domicilio, orientación, apoio socio-familiar, etc.

         A Fundación Solidaridad Carrefour coordina todos os programas que desenvolve Carrefour en materia de acción social en España. Apoia especialmente os proxectos en beneficio da infancia desfavorecida, da integración laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión e promove a participación dos empregados do grupo nas iniciativas sociais.