Deportistas vigueses participarán esta fin de semana no Campionato de España de Slalom en cadeira de rodas

A cidade de Cáceres será a sede do campionato, que reunirá a deportistas con parálise cerebral de toda España

         José Ignacio Fernández e Ana Soage, deportistas do Club Tamiar APAMP de Vigo, participarán mañá e o domingo no Campionato de España de Slalom en cadeira de rodas, que se celebra no Pavillón Multiusos Ciudad de Cáceres.

 

         Na cidade estremeña daranse cita deportistas con parálise cerebral de toda España, que tentarán facerse co campionato nacional, que José Ignacio e Ana conseguiron en múltiples ocasións nas súas respectivas categorías.

         Ambos deportistas contan cun currículo deportivo cheo de éxitos. José Ignacio ostenta actualmente o récord nacional en slalom en cadeira de rodas e proclamouse  en catro ocasións campión de España. Pola súa parte, Ana foi campioa do mundo na súa categoría e proclamouse campioa de España en innumerables ocasións, sendo unha das deportistas máis laureadas a nivel nacional na súa categoría.

         O slalom é unha modalidade de deporte para persoas con parálise cerebral , na que nun circuíto con obstáculos o deportista en cadeira de rodas debe de ir esquivando ata completar o percorrido determinado no menor tempo posible. O derribo dalgún obstáculo ou a súa incorrecta execución supón a penalización con tempo ou incluso a súa posible descualificación.

         Este deporte ofrece coa súa práctica unha posibilidade idónea de desenvolver o potencial físico da persoa, así como mellorar o uso da cadeira de rodas.