ASPACE-Galicia organiza un concerto solidario en Vigo para recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia

O grupo vigués Por Placer actuará o próximo 6 de abril na Sala Ensanche a partir das 23 horas

         A Federación Galega de Parálise Cerebral, en colaboración coa Sala El Ensanche puxeron en marcha a organización dun concerto solidario do grupo vigués Por Placer, para recadar fondo en beneficio do colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia.

         O concerto terá lugar o próximo venres 6 de abril, a partir das 23 horas e ten como obxectivo fundamental recadar fondos para paliar a falta de financiamento público que, no actual contexto económico, se viu reducido dun xeito drástico.

         Non é a primeira ocasión que o grupo vigués Por Placer colabora co colectivo de persoas con parálise cerebral. Xa no ano 2008 compuxo a canción “Vamos allá” para recadar fondos para a asociación Hoy por Mañana, que traballa en Vigo a favor dos nenos e familias afectadas con parálise cerebral, co obxectivo de cubrir as necesidades no ámbito educativo, sanitario e de integración.

         As entradas, cun prezo de 5 euros, pódense adquirir en Discos LP, na sala El Ensanche e na sede das asociacións APAMP e Hoy por Mañana, así como na sede de ASPACE-Galicia. Tamén se poderán solicitar vía online no Facebook do grupo Por Placer e de Federación ASPACE-Galicia.

         Ademais, aquelas persoas que non poidan asistir ao concerto pero queiran colaborar con esta iniciativa, poderán facelo a través da Fila Cero habilitada na conta de Novagalicia Banco número 2080 0500 54 3040045914.