Supermercados Moldes adhírese á Campaña 1×1=solidariedade para recadar fondos para o colectivo de persoas con parálise cerebral en Galicia

A empresa pontevedresa colabora con esta iniciativa solidaria promovida por ASPACE-Galicia

         Recadar fondos para o financiamento dos programas e servizos que a Federación ASPACE-Galicia desenvolve en beneficio do colectivo de persoas con parálise cerebral de Galicia é o obxectivo principal da Campaña 1×1= solidariedade, que a entidade está a promover entre os principais grupos empresariais de Galicia.

 

          O grupo pontevedrés Moldes adheriuse a esta iniciativa que consiste no aporte voluntario por parte dos seus traballadores da cantidade dun euro, nunha única doazón ao ano. Os fondos recadados irán destinados integramente ao financiamento dos programas de ASPACE-Galicia, entre eles o programa de emprego e formación para persoas con parálise cerebral, única experiencia destas características que se leva a cabo en toda Galicia.

         A redución do financiamento público e a desaparición progresiva das obras sociais das entidades financeiras, levou a Federación ASPACE-Galicia a promover novas fórmulas que lle permitan continuar co labor que vén desenvolvendo en Galicia dende o ano 1999. Grazas á colaboración e solidariedade de empresas como Grupo Moldes e os seus traballadores, a entidade agarda poder seguir  axudando ás máis de 1.100 persoas que se benefician dos seus programas e servizos.