Arredor de 800 persoas foron atendidas no servizo de orientación laboral de ASPACE-Galicia en 2011

O servizo, que se desenvolveu entre os meses de febreiro de 2011e xaneiro de 2012, contou co financiamento do Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia

         Un total de 798 desempregados  da comarca de Pontevedra foron atendidos polo servizo de orientación laboral posto en marcha pola Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia) co apoio do Fondo Social Europeo e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar.

         Trátase dun servizo que, en colaboración co Servizo de Emprego Público de Galicia, atende ao público completamente de balde e pretende axudar aos usuarios a atopar un traballo no menor tempo posible.

         Entre as accións levadas a cabo para mellorar a ocupación dos entrevistados inclúese a información aos usuarios de todos os cursos existentes e de todas as convocatorias de traballo público e privado. No que respecta ao asesoramento individual, inclúese a elaboración de currículos, a redacción de cartas de presentación, a resposta a anuncios de traballo e a preparación de entrevistas.

         A través da realización de entrevistas individuais, os orientadores laborais de ASPACE-Galicia informaron e promoveron a mellora da empleabilidade, a identificación de diferentes opcións laborais, así como accións formativas ou o fomento da busca activa de emprego.