O día de Reis agasalla artesanía solidaria

Amencer-ASPACE e APAMP expoñen os seus produtos artesanais nas feiras Pontenadal e De Boa Man, que permanecerán abertas ao público ata o 5 de xaneiro

         Un ano máis, e xa van once, Pontevedra acolle a feira de Nadal de artesanía e agasallo Pontenadal. Un total de 34 expositores están presentes nesta edición, entre eles a asociación Amencer-ASPACE.

 

         No seu posto de venda, que permanecerá aberto ata o próximo xoves, os visitantes poden adquirir os produtos artesanais feitos polos usuarios da asociación ao longo do ano nos diferentes obradoiros dos seus centros de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.

         Igual que en Pontevedra, na cidade olívica conta cunha feira de artesanía que cada ano se instala na rúa Príncipe con motivo da celebración destas datas. A asociación APAMP conta cun posto no que se poñen á venda os produtos elaborados nos seus obradoiros ocupacionais.

         Nestas feiras os visitantes poderán adquirir verdadeiras xoias da artesanía galega, que contribúen a financiar os programas e servizos que ambas as dúas asociacións desenvolven en beneficio das persoas con parálise cerebral da provincia de Pontevedra.