Dez persoas con parálise cerebral realizarán en Pontevedra as probas de competencias clave para obter os certificados de profesionalidade

+Este xoves e venres, a sede da Federación ASPACE-Galicia acollerá as probas correspondentes ao nivel 2

+Os usuarios demostrarán os seus coñecementos sobre as materias de lingua galega, lingua castelá, matemáticas e competencia dixital

         Dez usuarios da Federación ASPACE-Galicia realizarán mañá e o venres as probas en competencias clave, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, e que permiten acceder ás persoas sen titulación á formación para o emprego asociada aos Certificados de Profesionalidade.

         Estas probas realizaranse na sede que a Federación posúe en Pontevedra, situada na rúa Fernando II,  a partir das 9 horas.

         Os usuarios da entidade terán que amosar os seus coñecementos en lingua galega, lingua castelá, matemáticas e competencia dixital.

         As competencias clave son contidos de formación básica que aseguran os coñecementos precisos para cursar con aproveitamento a formación para o emprego correspondente aos novos certificados de profesionalidade.

         A superación destas probas de competencias clave permitirá aos usuarios da Federación ASPACE-Galicia acceder aos cursos de certificados de profesionalidade da Xunta de Galicia, que non poden cursar actualmente por non poder acreditar que dispoñen dunha formación básica para acceder aos mesmos.