Vigo acolle este sábado o I Festival do Humor Solidario organizado pola asociación APAMP

+O festival, que contará coa colaboración de numerosos artistas, estará presentado pola actriz María Castro

+Os beneficios obtidos irán destinados ao mantemento dos programas que a entidade desenvolve en Vigo para as persoas con parálise cerebral

         A Asociación de Familias de Persoas con Parálise cerebral, APAMP, de Vigo, organiza este sábado a primeira edición do Festival do Humor Solidario no auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia.

 

         O espectáculo, que terá lugar a partir das 21.30 horas, estará conducido pola actriz galega María Castro e contará coa colaboración dos artistas Victor Grande, Xan veiga, o Mago Romarís, Fredy Crujer, Víctor do grupo Los Litos e o Pallaso Popín.

         Todos os beneficios recadados coa venda das entradas irán destinados ao mantemento dos servizos e programas que a entidade desenvolve para as persoas con parálise cerebral no centro de atención integral que posúe en Vigo.

         As persoas interesadas en asistir ao festival poden adquirir as entradas na sede de APAMP ou a través do servizo de venta online do portal web Servinova.

         O I Festival do Humor Solidario de APAMP conta cun servizo de “fila cero” co que agarda complementar a recadación obtida pola venda de entradas para o espectáculo. A fila cero permitirá aos cidadáns realizar un donativo sen asistir ao evento.