Responsables da Federación Galega de Parálise Cerebral reúnense coa Directora Xeral de Dependencia, Coro Piñeiro, en Santiago de Compostela

Durante o encontro, que se celebrou esta mañá, abordaron as principais demandas e necesidades das asociacións de atención ás persoas con parálise cerebral en Galicia

         A presidenta da Federación ASPACE-Galicia, Concepción Somoza Torres, e a xerente da entidade, Ana María Prieto, reuníronse esta mañá en Santiago de Compostela coa Directora Xeral de Dependencia da Xunta de Galicia, Coro Piñeiro.

 
         No transcurso da reunión, as responsables de ASPACE-Galicia presentáronlle as demandas e necesidades do colectivo de persoas con parálise cerebral da comunidade. Unha das prioridades para a entidade é coñecer o funcionamento da nova carteira de servizos para a atención á dependencia deseñada pola Consellería de Traballo, que recoñece por primeira vez recursos específicos para as persoas con parálise cerebral.

         Dita carteira supón para o colectivo, valorado nun 90% dos casos como grandes dependentes e por tanto prioritarios dentro do sistema de atención, un salto cualitativo no acceso e prestación de servizos axeitados ao seu grao de discapacidade.

         O funcionamento do servizo de transporte público autonómico 065 foi outro dos temas tratados na reunión, dadas as deficiencias que ASPACE-Galicia vén detectando no servizo, especialmente nas zonas rurais ou máis afastadas dos núcleos urbanos onde se atopan as asociacións federadas á entidade.

         Tamén se abordou o tema dos retrasos na concesión das axudas á dependencia e no pago aos centros dos contratos que estes manteñen coa administración autonómica.