Amencer-ASPACE organiza as xornadas “Un mundo accesible”

Desenvolverase os días 12 de xullo, 16 e 23 de setembro en Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, respectivamente

         As instalacións da asociación Amencer-ASPACE en Pontemuíños (Pontevedra) acollerán o próximo martes, día 12 de xullo, entre as 10.30 e as 12.30 horas, a xornada “Un mundo accesible”.

 

         Posteriormente outras dúas xornadas completarán o programa. Realizaranse o 16 de setembro no Centro de atención Integral “Princesa Letizia” en Vilagarcía e o 23 de setembro no salón de actos da Zona Franca de Vigo.

         Nas xornadas participarán Manuel Rivero e Iago Santalla, que falarán sobre o libro “O ilímite do potencial humano”, unha obra que elaboraron conxuntamente. Tamén estarán Luís Álvarez Sestelo, do Ceo Centro Tecnolóxico Gradiant, que falará da accesibilidade como vía, e Javier Cebreiros, responsable de proxectos I+D en InfoJC, que comentará os detalles da accesibilidade para todos. Ambos os dous amosarán unha serie de tecnoloxías de código libre creadas e deseñadas para mellorar a accesibilidade. A xornada finalizará con diferentes demostracións sobre accesibilidade.

         O obxectivo deste acto é difundir o uso da tecnoloxía como elemento de axuda á integración das persoas dependentes e concienciar á sociedade da importancia do seu uso para contribuír á súa felicidade.

         A asistencia ás xornadas é libre e de balde, polo que desde a asociación Amencer-ASPACE animan a todos os interesados a participar.