Vigo acolle a última xornada da Liga Galega de Boccia

Deportistas de toda Galicia disputarán a final mañá no Pavillón deportivo de Navia. Os gañadores clasificaranse para o Campionato de España

         A cidade de Vigo acollerá mañá sábado, 28 de maio, a última xornada da Liga Galega de Boccia organizada polo club vigués TAMIAR-APAMP.

Liga galega de Boccia
Liga galega de Boccia
         Un total de 30 deportistas dos clubs ADM (Ferrol), ASPACE-Coruña, TAMIAR-APAMP (Vigo) e AIXIÑA (Ourense) daranse cita no Pavillón deportivo de Navia Pahino (Urbanización Navia, r/Lamelas, s/n, Vigo) para disputar a gran final do campionato autonómico.

         A xornada desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas, realizando unha pausa para a comida. Ao finalizar a actividade deportiva realizarase a entrega de trofeos aos primeiros clasificados.

         Esta última xornada é decisiva para os deportistas, porque xogan o acceso ao Campionato de España, por iso a organización anima a todos os interesados a asistir a esta derradeira xornada para que os deportistas se sintan arroupados e poidan gozar da calor do público vigués.