A radio de ASPACE-Coruña opta ao Premio Nacional Romper Barreras

Preséntase ao certame cun vídeo sobre a radio que fan os seus propios usuarios: La Radio de los Gatos

A radio dos gatos
A radio dos gatos
         A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña pide a toda a sociedade o seu apoio para poder gañar este ano o Premio Romper Barreras, un certame organizado por Toshiba e BJ Adaptaciones que fomenta a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través do uso da tecnoloxía.

 

         ASPACE-Coruña presentou a este premio un vídeo do programa de radio, La Radio de los Gatos, que dende hai uns meses realizan persoas con parálise cerebral da asociación. O programa, dirixido pola titora dun dos obradoiros do centro de día de ASPACE-Coruña, María Rivas, prepárano integramente un grupo de locutores formado por Gisela Galeiras, Chon Rouco, Jorge Liñares, Lucía Rodríguez, Chus Sánchez e Rocío Rey, coa colaboración dunha das logopedas da entidade, Miriam Piñeiro, que lles proporciona apoio a través de recursos alternativos para a comunicación.

         “La Radio de los Gatos, que é como se chama esta iniciativa, informa cada venres durante aproximadamente quince minutos a través da megafonía do centro a todos os traballadores da asociación sobre a actualidade, con noticias, información do tempo ou o menú que se servirá ese día en ASPACE-Coruña. Tamén inclúen no programa unha sección de aniversarios, outra de consellos e incluso elaboran eles mesmos a publicidade, sempre cargada de moito humor.

         Con este proxecto ASPACE-Coruña pide o apoio a todos, e sobre todo os seus votos, para acadar o premio, co que a entidade aspira a crear a súa propia emisora. O vídeo pode ser votado ata o 31 de agosto na páxina www.premiosromperbarreras.es/candidatura-colectiva.asp, premendo sobre o vídeo de La Radio de los Gatos. Contabilízase un voto por cada conta de correo electrónico. ASPACE-Coruña compite con outras 29 entidades de toda España na modalidade de categoría colectiva