ASPACE-Galicia recibe o seu Certificado de Calidade ISO 9001

A presidenta de ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, recolleu o certificado nun acto no que participaron diferentes autoridades.

         A Federación Galega de Parálise Cerebral (ASPACE-Galicia) recibiu onte o Certificado de Calidade ISO 9001 obtido tras a súa participación en ‘Socialia Calidade’, un programa de formación e consultoría posto en marcha pola Obra Social Novacaixagalicia para promover a profesionalización das ONG.

Certificado de calidade
Certificado de calidade
         A presidenta de ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, foi a encargada de recoller o certificado nun acto que tivo lugar no Centro Social Novacaixagalicia de Santiago de Compostela. Na entrega tamén participaron a conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato; o copresidente de Novacaixagalicia, Mauro Varela; o director de Relacións Institucionais de Bureau Veritas, Enrique Quejido; e os representantes doutras entidades certificadas.

         A Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (Federación ASPACE-Galicia) conseguiu a certificación de calidade ISO 9001 na auditoría realizada pola compañía Bureau Veritas o pasado 24 de xaneiro.

         ASPACE-Galicia demostra así a calidade dos servizos que desenvolve e que están orientados ao cumprimento da súa misión: fomentar a coordinación e cooperación entre entidades federadas e outras entidades, de forma que a unión e forza das mesmas logre a igualdade de oportunidades das persoas con parálise cerebral.