Participa e presenta candidatos aos I Premios ASPACE!

Os galardóns contan coa colaboración da Fundación IPSEN Pharma, e a súa entrega terá lugar durante os actos preparados con motivo do I Día Nacional da Parálise Cerebral

         A Confederación ASPACE institúe os I Premios ASPACE co fin de recoñecer a traxectoria e traballo das persoas e institucións en favor da calidade de vida, a igualdade de oportunidades, a defensa dos dereitos e a plena integración do colectivo das persoas con parálise cerebral.

         Estes galardóns contan coa colaboración da Fundación IPSEN Pharma, e a súa entrega terá lugar durante os actos preparados con motivo do I Día Nacional da Parálise Cerebral, que se celebrará en Navarra do 30 de setembro ao 1 de Outubro.
Queremos animar a profesionais, familias e persoas con parálise cerebral a que propoñan a aquelas persoas, entidades, institucións ou grupos de persoas cuxa labor e/ou traxectoria destaque dun modo especial. As categorías propostas son:

+ Institución pública: Ao organismo ou entidade pública que contribúa e/ou apoie de forma significativa á Confederación ASPACE e as súas entidades asociadas na consecución dos seus obxectivos estratéxicos.

+ Institución privada: Á institución, centro sanitario ou equipo de investigación, que contribúa cos seus estudos ou resultados de investigación á mellora da calidade de vida e o benestar das persoas con parálise cerebral e as súas familias.

+ Traxectoria vital: Á persoa/s con parálise cerebral cunha traxectoria vital  que sexa exemplo de superación, esforzo e valores para o colectivo. Esta categoría non implica necesariamente logros excepcionais, senón a consecución dun proxecto persoal que supoña un gran reto para a/s persoa/s: é dicir, valorarase de igual modo tanto o desenvolvemento dunha carreira profesional de éxito (obtención dunha cátedra), como a realización de proxecto persoal que entrañe unha dificultade considerable (realización dunha viaxe).

+ Boas prácticas: Ao profesional, voluntario, directivo ou equipo de profesionais e/ou voluntarios das entidades ou da Confederación ASPACE que, no seu traballo diario, sexan exemplo de innovación, por actividade e esforzo pola calidade de vida e a defensa dos dereitos das persoas con parálise cerebral e as súas familias.

+ Premio ESPECIAL 2011 / Voluntariado: Recoñecemento á iniciativa ou labor levada a cabo por voluntarios de entidades adscritas á Confederación ASPACE que destaque pola súa implicación, motivación e orixinalidade.