Amencer construirá en Vigo un centro de atención integral, educación especial e tratamentos para persoas con parálise cerebral

Con este novo proxecto Amencer axudará a 145 afectados por parálise cerebral de entre 0 e 21 anos

         A asociación Amencer-ASPACE xa conta cos terreos necesarios para construír un centro de atención a persoas con parálise cerebral na cidade de Vigo. Este será o cuarto centro da entidade na provincia de Pontevedra, pois xa conta con dous na capital da provincia e cun terceiro en Vilagarcía.

Con este novo proxecto Amencer axudará a 145 afectados
Con este novo proxecto Amencer axudará a 145 afectados
         A Autoridade Portuaria de Vigo cedeu en réxime de concesión un terreo de case 2.000 metros no barrio de Bouzas, fronte ao mercado. Con este novo proxecto Amencer axudará a 145 afectados por parálise cerebral de entre 0 e 21 anos. Estímase que serán 60 persoas as que acudirán ao novo centro diariamente (dado o seu nivel de afectación) e 85 de modo ambulatorio (para reforzos de rehabilitación).

         Polo momento, o proxecto atópase nunha primeira fase de dimensionado e valoración do lugar que ocuparía en Vigo. Aínda non está marcada ningunha data para o inicio da construción do centro aínda que desde Amencer-ASPACE esperan poder comezar a traballar no curso 2012/2013.

         O centro estará distribuído en dúas plantas de 765 metros cadrados cada unha e os espazos repartiranse en función das necesidades a cubrir. A asociación iniciou xa os trámites oportunos para reformular o proxecto e dividilo en fases e ir así executándoo en función do financiamento dispoñible. A asociación comezou xa diferentes roldas de contactos con administracións, fundacións e obras sociais para contar co seu apoio e financiamento para este ambicioso proxecto.