ASPACE censura as declaracións de Alfonso Rus

 

         A Confederación ASPACE censurou as declaracións realizadas polo presidente da Deputación de Valencia, Alfonso Rus, porque se burlou dun grupo de persoas con discapacidade durante a inauguración dunhas instalacións sen as condicións axeitadas de accesibilidade.

A clase política debe “ser exemplo para a sociedade”
A clase política debe “ser exemplo para a sociedade”
         Para Jaume Marí, presidente da Confederación ASPACE, as declaracións do presidente da Deputación valenciana amosan “moi pouca sensibilidade,  consideración e respecto” cara o colectivo das persoas con discapacidade, que agrupa máis de catro millóns de persoas en España.

         Rus respondeu con burlas e bromas ás protestas dun grupo de persoas con discapacidade, que amosaban a súa desconformidade pola inaccesibilidade dunha infraestrutura de nova construción na localidade de Ontinyent (Valencia).

         O político valenciano dixo que, a falta dun acceso axeitado para as persoas con mobilidade reducida, poderíase “subir e baixar con cordas” a estas persoas, para a continuación denominalos “pobriños minusválidos”.

         ASPACE apoia a denuncia realizada polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), que puxo os feitos en coñecemento do Consello Nacional da Discapacidade. O presidente de ASPACE engadiu que a clase política debe de “ser exemplo para a sociedade”, e non empregar unha linguaxe “lesiva” cara un grupo social como as persoas con discapacidade: “Todos, empezando polos políticos, temos que empregar unha linguaxe baseada no rigor, o respecto cara a diferenza e a igualdade de trato”.