ASPACE apoia o manifesto que alerta da desaparición das obras sociais

A Confederación ASPACE súmase ao texto referendado polas catro principais plataformas de acción social en España no que avisan que o novo marco financeiro español pode supoñer a desaparición das obras sociais

         A Confederación ASPACE apoia o manifesto ratificado polas catro principais plataformas de organizacións sociais no que alertan da desaparición das obras sociais das caixas de aforro.

         O texto foi aprobado pola Plataforma de ONG de Acción Social (POAS), a Plataforma de Voluntariado en España (PVE), a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social no Estado Español (EAPN-ES) e o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI). Así mesmo conta co apoio da Fundación ONCE.

        ASPACE considera que as obras sociais garanten unha sociedade máis xusta, cohesionada e solidaria. Grazas a elas, “as iniciativas pola inserción sociolaboral, a autonomía, a igualade de oportunidades e, en definitiva, a calidade de vida das persoas con parálise cerebral son unha realidade”, constata Jaume Marí, presidente da Confederación ASPACE.

         Por todo iso, a entidade referenda o afirmado no manifesto: “as actividades e centros das obras sociais dan emprego a máis de 40.000 persoas en España e contribúen dunha maneira nítida ao benestar das persoas máis vulnerables a través dos 2.508 millóns de euros que destinan a proxectos de índole social”.

         Neste sentido, a entidade reclama ao Goberno que valore o punto de vista das plataformas de acción social que adoptaron unha posición conxunta con respecto á normativa que configurará o sistema financeiro español.

          É a primeira ocasión na que as entidades de acción social se unen para reivindicar que se escoite a súa opinión con respecto aos efectos que terá a desaparición das obras sociais das caixas de aforro.