A Federación ASPACE-Galicia felicita o Nadal cun boneco de neve

Gonzalo Jorge de Saa, usuario da asociación APAMP de Vigo, resultou gañador do concurso ao presentar un collage feito con anacos de diferentes tipos de papel

 

         A Federación ASPACE-Galicia felicitará de xeito institucional o Nadal coa postal ‘Navidad en papel’, de Gonzalo Jorge de Saa, usuario da asociación APAMP de Vigo.

Collage feito con trozos de papel
Collage feito con trozos de papel
        Logo do concurso-exposición de postais de Nadal que percorreu tódalas asociacións membro da Federación durante as últimas semanas, os votantes escolleron o boneco de neve como a postal idónea para felicitar as festas.

         Gonzalo Jorge de Saa, usuario de APAMP, unha das asociacións adscritas á Federación, resultou gañador deste II Concurso de Tarxetas de Nadal 2010 co seu collage ‘Navidad en papel’, feito con papel reciclado e papel artesán de celulosa. Ademais de ser imaxe da Federación neste Nadal, o gañador recibirá como agasallo un lote de libros de Kalandraka, que a editorial doou á Federación para esta finalidade.  

         A postal gañadora foi escollida entre as 77 participantes e contou con 32 dos 126 votos válidos emitidos. O concurso-exposición de Tarxetas de Nadal ten como obxectivo recoñecer o traballo das persoas con parálise cerebral e achegalo á sociedade e o éxito da iniciativa estase a ver ano tras ano cun aumento de participantes e tamén de votantes.