Máis de medio cento de persoas participan nas Xornadas sobre novas tecnoloxías aplicadas á diversidade funcional

As adversidades climatolóxicas obrigan a suspender as actividades previstas para esta tarde ante a imposibilidade de que os deportistas da Federación cheguen ata a cidade de Pontevedra
 

         Máis de medio cento de persoas participaron nas xornadas que foron inauguradas pola presidenta de ASPACE-Galicia, Concepción Somoza, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro.

          Concepción Somoza, presidenta da Federación ASPACE-Galicia, destacou que o de hoxe é un día “de sensibilización, de chamar á atención da sociedade, e dos poderes públicos, día de concienciación, día que nos serve para parar un pouco e reflexionar que aínda nos queda moito percorrido por facer, que temos que seguir traballando pola consecución da igualdade de oportunidades e dereitos para cada persoa con discapacidade”.

         Ademais, destacou que os relatorios que durante a mañá se escoitaron serán de moita axuda para “as nosas organizacións, que traballan coas universidades, coas empresas, coas administracións, e  para non perder ningún recurso que poida ser útil á nosa xente, por iso estamos sempre dispostos a expor necesidades e a prestar apoio ás persoas que coas súas cabezas privilexiadas, son capaces de desenvolver proxectos e iniciativas como as que hoxe imos escoitar aquí”.

Más de medio centenar de personas participan en las Jornadas
Más de medio centenar de personas participan en las Jornadas

         Pola súa parte, a xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, indicou que o compromiso da Consellería coa Federación é constante, e que o traballo de ASPACE-Galicia é un reflexo de como debe actuarse, cubrindo as necesidades de tutela legar de persoas con parálise cerebral. “Esperamos que esta xornada nos sirva a todos para concienciarnos”, sinalou.

         O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que dende o Concello, “consideramos que a cidade debe ser un espazo para as persoas, o que ás veces supón a toma de decisión difíciles de entender; pero a cidade é un espazo no que todas as persoas teñen que vivir e ten que ser accesible”.

         Xa no tempo dos relatorios, Álvaro Fanego, responsable de innovación do Centro de Referencia Estatal (CRE) de Discapacidad y Dependencia de San Andrés de Rabanedo (León) fixo unha exposición de catro dos 17 proxectos que se desenvolven neste centro de referencia. Así, amosou os beneficios dun robot de compañía, ao cal se lle pode conectar unha cámara web para controlar a vida dunha persoa dependente na súa vivenda; a implantación dos códigos ‘qr code’, un sistema moi similar aos códigos de barras que supón a lectura dun código co teléfono móbil para que este, logo de recoñecelo, diga por voz o contido do mesmo. Fanego tamén deu a coñecer dous dos proxectos estrela do CRE: o Messenger accesible, creado polos propios usuarios do centro, e o boccia virtual.

         Pola súa banda, Rubén Míguez, responsable do Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo, informou aos asistentes sobre o traballo que están a facer sobre a plataforma integrada de servizos para o fogar. A súa implantación permitiría que a través do televisor se poida ofrezan servizos de información, control médico e rehabilitación e comunicación.

Anulación das actividades vespertinas
         Como consecuencia das circunstancias meteorolóxicas adversas, non vai ser posible celebrar as actividades que estaban previstas para esta tarde. Así, quedaron canceladas as exhibicións de slalom en cadeira de rodas e boccia, ao non poder acudir á cita os deportistas que se desprazaban dende A Coruña.