Dous usuarios de Amencer-ASPACE presentan o seu libro de poemas ‘Mi Rosa’

Rosa María Blanco Ramallo e José Sergio González Rodríguez estiveron arroupados polo actor Celso Bugallo

Presentacion del libro
Presentacion del libro
         O Café Moderno de Pontevedra acolleu onte a presentación do libro de poemas elaborado por dous usuarios de Amencer-ASPACE, asociación membro da Federación ASPACE-Galicia.

         Rosa María Blanco Ramallo e José Sergio González presentaron o seu libro nun emotivo acto no que estiveron acompañados polo actor galego Celso Bugallo. Ademais, medio cento de persoas arroupáronnos na presentación pública dun soño feito realidade.

         Este é o segundo libro de poemas que publica Sergio González e o primeiro de Rosa María. Durante o acto, ambos explicaron que este traballo literario era un desexo que tiñan dende hai anos. No evento fíxose lectura de varios poemas do libro e aínda houbo tempo para un apartado de dedicatorias no que a familia e os amigos máis íntimos levaron todos os afagos.

         No acto non faltaron os sorrisos e tampouco os momentos emotivos, o que máis, cando Rosa recitou un dos poemas que lle dedicou á súa nai no libro. Antes de finalizar o acto, os escritores recibiron dous ramos de flores e a felicitación de Celso Bugallo polo empeño e o traballo por sacar adiante este libro.

         Ao final do acto, os asistentes puideron adquirir exemplares de ‘Mi rosa’ e tiveron a oportunidade de que os autores dos poemas lles adicaran o libro.