Goberno e Xunta apoian o proxecto X-Tic da Asociación ASPACE para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías das persoas con parálise cerebral

A Asociación recibiu unha subvención de máis de 23.000 euros para unha iniciativa que facilita a aprendizaxe e a autonomía persoal

         A Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral (ASPACE) de A Coruña conseguiu dar un paso máis no camiño para romper a brecha dixital.

Usuario de ASPACE-Coruña
Usuario de ASPACE-Coruña
O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (Plan Avanza), e a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, concederon a ASPACE unha subvención de 23.768,29 euros para o Proxecto X-TIC: Xestión das TIC´s en persoas con diversidade funcional para a accesibilidade, usabilidade e e-inclusión na Sociedade da Información.

         O X-TIC é un servizo que ofrece aos usuarios de ASPACE a posibilidade de, mediante produtos de apoio, software específico e ferramentas da informática actual, adquirir, potenciar ou mellorar habilidades lingüísticas, de comunicación, aprendizaxe e socialización, para o que o Grupo de Informática Médica da Universidade da Coruña (IMEDIR) se encargou da creación dunha plataforma web con materiais didácticos e contidos e-learning. Así, tanto profesionais como usuarios poden formarse a través de cursos en liña.

         Esta ferramenta ten dous beneficiarios: por unha banda, as persoas con parálise cerebral, que co X-TIC poden mellorar a súa autonomía persoal e o seu acceso ás novas tecnoloxías, e por outra banda, os profesionais (logopedas, terapeutas, psicólogos…) porque lles permite facer a intervención en rede sobre un mesmo usuario. De feito, para o desenvolvemento do proxecto foi preciso contar cun programa de xestión e avaliación, tanto polo número de usuarios que ten a asociación en si, arredor de 100, como polos tres centros de traballo cos que conta ASPACE (centro educativo, centro de día e residencia, con usuarios e persoal diferentes ou comúns a un ou varios centros).

          Entre os obxectivos máis importantes deste proxecto están os de desenvolver a autonomía persoal e favorecer a autoestima, potenciar a e-inclusión das persoas con parálise cerebral, adquirir habilidades académicas, funcionais e comunicativas, e garantir o acceso e manexo do ordenador. Todo se resume nunha finalidade básica: acadar unha aplicación idónea das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para cubrir as necesidades de socialización e aprendizaxe nun colectivo con risco potencial de padecer exclusión social.